Redacción •  Galicia •  29/09/2024

A CIG convoca protestas simultáneas en todas as empresas da automoción galega

  • A central quere sensibilizar os cadros de persoal e alertar as compañías do automóbil viguesas, pontevedresas e ourensás da grave situación do sector
A CIG convoca protestas simultáneas en todas as empresas da automoción galega

A CIG-industria convoca para o vindeiro martes 1 de outubro concentracións simultáneas en todas as compañías da automoción de Vigo, Pontevedra e Ourense para sensibilizar os cadros de persoal das graves ameazas que enfronta o sector e alertar as empresas ante o futuro incerto que teñen por diante como consecuencia da parálise na industria do coche eléctrico, do escurantismo de Stellantis a respecto dos plans para a planta de Vigo e da falta dunha política industrial por parte da Xunta.

As mobilizacións, que se desenvolverán de 13:00 a 15:00 horas (coincidindo cos cambios de quenda) ás portas dun total de 24 compañías -tanto de fabricación como de compoñentes- da industria galega do automóbil nas comarcas viguesa, pontevedresa e ourensá, fan parte da campaña en defensa do sector que desenvolve a central sindical.

Despois das mobilizacións no Concello de Vigo para denunciar as promesas incumpridas a respecto da automoción, na Xunta pola súa falta de política industrial e en Stellantis por agochar o verdadeiro plan que ten para a planta de Vigo a CIG opta agora por levar as súas reivindicacións ás empresas para sensibilizar os cadros de persoal e alertar da grave situación que atravesa o sector.

Mais tamén para denunciar que co seu “silencio” as compañías son “cómplices” desta política (escurantismo de Stellantis e falta de plan industrial da Xunta) que ameaza a supervivencia dunha industria estratéxica para o país e fundamental para estas tres comarcas.


Sindicalismo /