BNG denuncia as actuacións policiais desta fin de semana na Galiza e exixe explicacións ao Goberno
Néstor Rego: “As cargas policiais en Compostela contra persoas que protestaban pacificamente polo xenocidio na Palestina son absolutamente inxustificábeis”.
O BNG exixe explicacións ao Ministerio do Interior: “mentres cargaban en Compostela contra xente pacífica, non actuaron na Coruña contra os ultras violentos do Málaga”.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas de última hora após unha fin de semana con actuacións policiais “inxustificábeis” na Galiza. O BNG exixe explicacións ao Goberno do Estado, e no concreto ao Ministerio do Interior, despois das cargas policiais que se produciron durante unha protesta pacífica en Compostela polo xenocidio que se está a levar a cabo en Palestina e a inacción das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na Coruña cando os seareiros ultras do Málaga CF actuaron con violencia na cidade herculina durante a súa visita.
Represión contra o pacifismo e a mobilización cidadá
“O Ministerio do Interior debe cambiar a forma de proceder en manifestacións e concentracións pacíficas deixando a violencia das cargas policiais e respectando o dereito de manifestación e de liberdade de expresión. As cargas policiais en Compostela contra persoas que protestaban pacificamente polo xenocidio na Palestina son absolutamente inxustificábeis” denuncia o deputado do BNG no Congreso. Unha desproporción policial, sinala Rego, que debe investigarse e exixir explicacións.
Inacción contra os seareiros ultras do Málaga na Coruña
“Mentres cargaban en Compostela contra xente pacífica, non actuaron na Coruña contra osultras violentos do Málaga, que destrozaron unha cafetería e ameazaron persoas pola rúa, e mesmo os escoltaron até o estadio” recrimina o deputado nacionalista. Unha actuación, a policial, que deixa moito que desexar posto que este colectivo, durante dúas xornadas vergoñentas “campou ás súas anchas” pola cidade herculina asaltando estabelecementos, como un bar de Riazor, e esnaquizando mobiliario urbano.
Curiosamente, explica o deputado do BNG, ningunha destas persoas violentas pertencentes a un grupo filo-nazi foi detida e mesmo foron escoltados, segundo as informacións que se teñen, até os hoteis en que se aloxaban. O domingo, o día do partido, a violencia volveu ser a protagonista ao que se lle ten que engadir “unha total falta de previsión e descoordinación no dispositivo de seguridade da policía, a pesar de que ese partido fora declarado de alto risco”.
“Houbo fallos, falta de previsión, descoordinación e moita permisividade por parte do dispositivo de seguridade da Delegación do Goberno (Interior) en relación co violento grupo de ultras do Málaga FC” sinala o deputado do BNG. Neste sentido exixe coñecer os motivos polos que non se actuou con previsión dada a natureza violenta deste grupo permitindo que se puidesen mover “con total impunidade” pola cidade herculina. “Mesmo permitiu, despois dos feitos violentos, o acceso á celebración deportiva no estadio Riazor aos ultras implicados” denuncia Rego.