Redacción •  Galicia •  11/10/2024

BNG insistirá no Congreso en liberar de peaxes a AP-9

  • Néstor Rego forzará unha votación no pleno da cámara baixa para que o Goberno inicie os trámites para a anulación da prórroga da Autoestrada e asuma a xestión directa.
  • Reclamará, ademais, que sexa axilizada a tramitación para a transferencia da AP-9 á Galiza.
BNG insistirá no Congreso en liberar de peaxes a AP-9

O BNG, após a interpelación realizada ao Ministro de Transportes e Mobilidade Sustentábel, levará a debate e votación no pleno do Congreso unha moción en que insiste en liberar de peaxes a AP-9, reclamando que o Ministerio realice un estudo do custos para iniciar os trámites para anular a prórroga da Autoestrada do Atlántico, asumindo a xestión directa. Ademais, reclama que sexa axilizada a tramitación para a transferencia da AP-9 á Galiza, impulsada polo Parlamento Galego.

Sobre as novas bonificacións da AP-9 conseguidas polo BNG

“En tanto non logramos unha AP-9 libre de portaxes, o BNG ten reclamado e conseguido medidas que permitan facilitar o tránsito e repercutir positivamente nas economías familiares e empresariais” lembra o deputado nacionalista. Resultado desa preocupación son as bonificacións que neste momento están xa vixentes na AP-9 e que deben ser neste ano incrementadas para as e os viaxeiros superrecorrentes de 60% até 75%. “Unha actuación que está recollida no Acordo de Investidura conseguido polo BNG. Como resultado das conversas mantidas, Ministro anunciou na súa intervención no debate da interpelación que se compromete a impulsar neste ano 2024, para o que neste venres aprobara a declaración de urxencia para a tramitación do decreto correspondente.” destaca Rego.

Estudo para o iniciar o rescate da infraestrutura

Despois de coñecerse o procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea ao Goberno español sobre a nulidade da prórroga aprobada no ano 2000 por un goberno do PP de Aznar, o BNG veu reclamando que se anule a concesión por representar “un negocio para AUDASA á custa de castigar todos os galegos e galegas co pagamento de peaxes por unha infraestrutura de sobra amortizada. Mais agora temos unha oportunidade de ouro para lograr un dos obxectivos que ten o noso pobo: rematar por completo coas peaxes da AP-9 que saquean os petos das persoas usuarias e lastran a nosa economía” reivindica Néstor Rego.

Para iso, o Ministerio “debe realizar un estudo serio e fiábel sobre o verdadeiro custo de pór fin á concesión da Autoestrada do Atlántico” sinala. De facto, lembrou o deputado do BNG, o Ministro avanzou a cifra de 4 000 millóns de euros, e mesmo 6 000, porén ese cálculo non vén avalado por datos contrastados e lembra que o estudo encargado polo BNG á Universidade da Coruña cifra ese custo en 904,5 M€.

Neste sentido, a organización nacionalista procurará o apoio da cámara para instar o Goberno do Estado a que encargue ou realice, de forma inmediata, un estudo en que se exploren as vías xurídicas para a anulación da prórroga e en que sexan avaliados os custos económicos que tería para o Estado a asunción da xestión directa da AP9.

Ademais, a moción do BNG recolle na súa parte resolutiva un punto instando o Goberno a que inicie os trámites para a anulación da prórroga de 25 anos outorgada á concesionaria da AP9 e asuma a xestión directa da autopista e a supresión das peaxes. “Para o BNG está claro que o rescate significaría un aforro moi importante para as arcas públicas e que neste momento se pode iniciar aproveitando que o procedemento de infracción da comisión Eurpoea sinala que a prórroga foi ilegal” avanza o deputado do BNG.

Impulsar a transferencia á Galiza

Máis unha vez, incidirá Rego, non existen razóns para non transferir a AP-9, “como non as hai para non finalizar a concesión e que pase a ser unha autoestrada galega e libre de portaxes”. O BNG reclama, ao igual que o fai a grande maioría da sociedade galega, que se poña fin á estafa legalizada que implican as peaxes da Autoestrada do Atlántico, unha demanda socialmente xusta e que se axusta á legalidade vixente.

“Buscaremos que o Congreso manifeste o seu compromiso para impulsar canto antes a tramitación da Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da Autopista do Atlántico (AP9) á Comunidade Autónoma de Galiza” sentenza Rego.


autopistas de peaje /