Denuncian o estado absoluto de abandono da mina San Finx
- Ecoloxistas en Acción demanda medidas cautelares urxentes para impedir que continúe a contaminación.
Ecoloxistas en Acción xunto coa Confraría de Pescadores de Noia e outros colectivos sociais e ambientais veñen de denunciar o estado total de abandono das instalacións da mina San Finx, en Lousame. A situación ficou patente durante a vista celebrada esta semana no Xulgado de Instrucción de Noia, logo que que declararan ante a Xuíza os peritos chamados pola acusación popular: o hidrólogo estadunidense Steven Emerman e o biólogo Santos Cirujano, ambos os dous de recoñecido prestixio internacional.
Unha recente visita de inspección por parte dos peritos confirmou un escenario dantesco, con cero mantemento das instalacións desde que no inicio deste ano a empresa fora sancionada por vertidos ilegais, levando á anulación da autorización de verteduras outorgada poucos meses antes así como ao inicio do Procedemento de declaración de caducidade das concesións mineiras. Un proceso que, advirte Ecoloxistas en Acción, “se ven desenvolvendo de xeito totalmente opaco, impedindo o acceso á información pública e o personamento das entidades ecoloxistas e comunidades de montes titulares dos terrenos”.
Na sesión desta mañá quedou claro que a mina continúa vertendo augas contaminadas con altas concentracións de cadmio, cobre e cinc, sen ningún tipo de tratamento, así como estado decrépito das escombreiras, balsas de decantación e da antiga presa de lodos de formigón, que Emerman indicou corre o risco de sofrer unha falla catastrófica con consecuencias difíciles de predicir para a ría de Muros e Noia e o Esteiro do Tambre, zona da Rede Natura 2000, que está a tan só 7 km augas abaixo das instalacións.
As preguntas feitas polas acusacións populares puxeron o foco na responsabilidade da empresa por non adoptar medidas para impedir ou minimizar a contaminación, e o advogado da Confraría de Noia insistiu na necesidade de que a xustiza impuxese á mineira, e subsidiariamente á administración, actuacións cautelares para frear os vertidos constantes, que se estiman en case 50.000 litros por hora. Estas medidas inclúen a instalación de comportas nas galerías de desaugue, o selado das entradas de auga, a retirada dos residuos da escombreira (cumprindo o plan de restauración aprobado en 2009) e a demolición da presa de lodos de formigón, previa retirada dos lodos que almacena.
Pola súa parte, Ecoloxistas en Acción censura especialmente a inacción da Xunta de Galicia, que mantén paralizado o expediente para a retirada dos residuos e demolición da presa e non voltou a impor sancións por vertidos á empresa mineira, a pesar de que estes se continúan producindo 24 horas do día, 365 días do ano. Tamén advirten que o procedemento de declaración de caducidade se está realizando de xeito totalmente opaco para evitar as responsabilidades da empresa e dos propios altos cargos e funcionarios que, durante anos, se negaron a actualizar o aval ambiental, de apenas 170.000 euros. Advirten que con esta cifra é imposíbel acometer a restauración da mina, que acabará tendo que asumir, como sempre, o erario público.