Redacción •  Galicia •  21/11/2024

A CIG Construción e Madeira exixe á patronal galega do sector negociar os “convenios aquí e non en Madrid”

Concentráronse diante da sede da FEGACONS, á que accedeu un grupo de representantes para reclamar unha xuntanza

A CIG Construción e Madeira exixe á patronal galega do sector negociar os “convenios aquí e non en Madrid”

Delegados e delegadas da Federación de Construción e Madeira da CIG concentráronse esta mañá diante da sede da Federación Galega de Construción (FEGACONS) para exixirlle á patronal a negociación dos convenios do sector en Galiza.

Segundo explicou o secretario nacional, Plácido Valencia, co recente cambio lexislativo aprobado no Congreso, os sindicatos e asociacións empresariais que reúnan os requisitos de lexitimación “poderán negociar convenios colectivos e acordos interprofesionais de comunidade autónoma”.

Por iso, desde a CIG-Construción solicitaron en varias ocasións unha xuntanza coa FEGACONS, co obxectivo de mudar o marco para que o convenio galego prevaleza sobre o estatal. “A resposta foi o silencio absoluto polo que nos vimos abocados a convocar esta mobilización e entrar nas súas instalacións para poder concertar una reunión”.

Valencia denunciou que o convenio estatal ten todas as materias reservadas, co cal “estamos suxeitos ao ditame de Madrid e ao que negocien tanto a patronal madrileña como os sindicatos estatais, CCOO e UGT”.

Con todo, o secretario nacional da CIG-Construción lembrou que tamén convidaron a estes sindicatos, dos que tampouco obtiveron resposta, para tentar formalizar un acordo no que se definira a ruta a seguir para poder conseguir un convenio galego negociado nun marco galego.

Protexer os convenios que se asinen en Galiza

Entende que deste xeito se pode dotar dun paraugas de protección aos convenios provinciais para que non volva acontecer o que pasou co de Pontevedra, no que se melloraban as condicións respecto do convenio estatal e “a patronal estatal botouno abaixo amparándose en que son materias reservadas”. Un convenio que, como apuntou, “xa só no plano salarial superaba en case dous puntos o acordado en Madrid”.

A consecuencia disto foi que “agora mesmo as compañeiras e compañeiros da construción de Pontevedra están sen o seu convenio, porque a patronal madrileña corta de raíz toda posibilidade de mellorar o que eles deciden alá, non se sabe con que criterio”, lamentou.

Plácido Valencia denunciou, ademais, que son precisamente esas peores condicións as que están a provocar a falta de man de obra no sector. “A patronal di que non hai persoal. Se dignificaran as condicións de traballo do sector sería diferente. Agora sométenos a salarios baixos, condicións malas, contratos precarios e abusivos, nalgúns casos, con contratos de formación, onde a formación non existe e o que fan é ter man de obra barata”.


CIG /