Redacción •  Galicia •  03/12/2024

Atinxido un acordo para a mellora das condicións laborais nas obras do acceso ferroviario ao Porto Exterior da Coruña

As asembleas de traballadores e traballadoras celebradas até o momento, aprobaron maioritariamente o acordo alcanzado a última hora de onte coa dirección da UTE  Acceso Porto Exterior A Coruña.  Neste contexto, e á espera de consultar con todos os relevos, a postura maioritaria do persoal é proceder á desconvocatoria da folga prevista para este xoves, día 5, nas obras de construción dos túneles que darán acceso ferroviario a Punta Langosteira.

Atinxido un acordo para a mellora das condicións laborais nas obras do acceso ferroviario ao Porto Exterior da Coruña

O secretario comarcal da FCM-CIG, Mario Maceiras, explica que o acordo atinxido supón unha mellora moi significativa a nivel de vacacións, tanto no número de días como na súa retribución; estabelece a interrupción das obras durante as vacacións de nadal (dende o 23 de decembro ao 7 de xaneiro) que até agora se traballaban de corrido; e achega unha solución xeneralizada para o cálculo das retencións que se lle aplican nas nóminas ao persoal, cuestión que xeraba continuos problemas.

A maiores, a empresa comprometeuse a abonar unha prima de produtividade á finalización de cada túnel para recompensar o esforzo que o persoal está facendo na realización destas obras dende o ano 2023. Xunto a isto, en materia de seguridade laboral acórdase seguir traballando na mellora das medidas de prevención tanto na principal como nas subcontratas.

A Federación de Construción e Madeira da CIG destaca que poder achegar a este acordo beneficioso para o persoal «só foi posíbel tras a decisión firme dos traballadores e traballadoras de levar adiante unha folga» e valora que, unha vez máis, «queda demostrado que a loita é o único camiño para mellorar as condicións de traballo e avanzar en dereitos».

A construción do acceso ferroviario ao Porto Exterior da Coruña, adxudicado á UTE  conformada por SACYR, CAVOSA e Taboada e Ramos, é na actualidade a principal obra pública galega e do norte peninsular, con case 140 millóns de euros de investimento público.


ferrocarril /