Redacción •  Galicia •  14/12/2024

Veciñanza da Limia e Celanova reclama un Monte Grande libre de eólicos

  • A plataforma Stop Eólicos a Limia Xurés Celanova promoverá personacións individuais e colectivas no procedemento do proxecto Cantanarrás, en trámites previos na Xunta.
Veciñanza da Limia e Celanova reclama un Monte Grande libre de eólicos

Dúas ducias de veciñas e veciñas das comarcas da Limia e das Terras de Celanova camiñaron este sábado desde Sanguñedo (Verea) até as corgas de Cantanarrás, entre os regatos de Sanguñedo e Sobradiño, para reclamar desde unha centenaria carballeira que ocupa a faldra norte do Monte Grande unha moratoria eólica sobre as áreas de desenvolvemento eólico que, como a do Vieiro, xa foron obxecto de proxectos para a instalación de macropolígonos rexeitados na avaliación ambiental polo organismo competente.

A plataforma Stop Eólicos a Limia Xurés Celanova anunciou ademais que promoverá personacións, dos Concellos afectados (Bande, Verea, Rairiz de Veiga e Porqueira) e das Reservas da Biosfera Xerés-Gerês e de Allariz, así como de colectivos ambientalistas e culturais, ademais de persoas afectadas a título individual no procedemento do proxecto Cantanarrás -dez aeroxeradores de case 200 metros na mesma zona onde un plan anterior de Greenalia foi rexeitado o ano pasado-, en trámites previos na Xunta.

“Mobilizámonos no 2021 para protexer a carballeira da Fontesanta, a Lagoa Grande, todas augas do Monte Grande, a avifauna que garda a Veiga de Ponteliñares e toda A Limia, a paisaxe ás portas do Xurés… e agora volven co mesmo proxecto, máis agresivo, con aeroxeradores máis grandes e máis próximos á Veiga, e rodeando a Lagoa, que xa por fin é humidal inventariado, e temos que protexer deste outro lado estoutra carballeira centenaria, e o patrimonio dende o Castro do Outeiro até as Mámoas de Penamá, e o dereito á auga e á saúde das veciñas e veciños das aldeas de Verea, Bande e Rairiz”, manifestou unha portavoz da plataforma, acompañada por membros doutros colectivos ambientalistas como Salvemos a Martiñá, Amigas das Árbores e o Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), no remate da marcha.

A cita serviu ademais para contestar outro proxecto de macroparque nesta comarca e xa en exposición pública: o denominado P.E. Arnoia que proxecta os aeroxeradores máis altos do país (220 metros) nos montes que separan o Arnoia do Miño en Cartelle. A plataforma Stop Eólicos a Limia Xurés Celanova xa puxo a disposición da veciñanza un escrito de alegacións contra este proxecto e comezou a campaña de recollida e rexistro de alegacións, que ten de prazo até o 16 de xaneiro.

Homenaxe

Dende os penedos no punto máis alto da marcha, sobre a carballeira de Cantanarrás, rendeuse unha pequena homenaxe a Miguel Ángel Martínez Novoa, un dos fundadores do MEL, falecido recentemente, e impulsor entre outras moitas, da loita contra a invasión eólica nas nosas comarcas.


medio ambiente /