Redacción •  Galicia •  17/12/2024

Primeira manifestación da Plataforma Fronte á Masificación Turística Vigo-Morrazo baixo o lema ‘Vigo e O Morrazo para vivir’

  • A concentración convocada pola PFMT Vigo-Morrazo tivo lugar o 13 de decembro ás 20:00 h  na Farola de Urzaiz en Vigo.
  • Baixo o lema ‘Vigo e O Morrazo para vivir’, a Plataforma reivindica un modelo turístico máis respectuoso ca veciñanza, facendo especial fincapé no fenómeno do Nadal Vigués.
  • Denuncian que o sistema actual favorece a especulación da vivenda e a precariedade laboral e reclaman medidas de control á vivenda de uso turísitco así como un modelo económico máis sustentable a nivel social e ambiental.
Primeira manifestación da Plataforma Fronte á Masificación Turística Vigo-Morrazo baixo o lema ‘Vigo e O Morrazo para vivir’

O pasado 12 de novembro presentábase en Vigo a Plataforma Fronte ´á Masificación Turística, integrada por 18 organizacións sociais, ecoloxistas, veciñais e sindicais, co propósito de frear os efectos negativos que o modelo de turismo actual, baseado na masificación, está a causar en Vigo e O Morrazo. Apenas unhas semanas despois do seu nacemento a Plataforma fixo un chamamento á poboación para manifestarse por un ‘Vigo e Morrazo para vivir’. A convocatorioa tivo lugar na cidade olívica en pleno corazón do nadal vigués, concretamente na farola de Urzaiz ás 20:00, onde se leu o manifesto coas demandas da Plataforma. Lucía Soliño, da asociación ADEGA Vigo – O Morrazo e integrante da Plataforma indica que ‘O fenómeno das luces de Nadal en Vigo é un claro exemplo dun modelo de turismo insostible que fomenta a masificación de visitantes e o baleiramento dos barrios, relegando á veciñanza a un segundo plano e exiliándoa ás áreas perifericas. Por iso esta manifestación, precisamente nesta época e neste lugar ten todo o sentido’.

Luces e sombras do Nadal vigués

Un ano máis, Vigo acende ás luces do Nadal e un ano máis a veciñanza do centro ve alterada a sua vida cotiá: dificultades para acceder ao traballos e vivendas, ruido, lixo acumulado… Entre os veciños e veciñas a preocupación non son só as molestias pola invasión de curiosos e turistas. Preocupa tamén a falta de medidas de seguridade que garantan a mobilidade dos servizos de emerxencias e de persoas vulnerables. Pero, segundo a Plataforma Fronte á Masificación Turística, non só sofre a veciñanza, o pequeno comercio tamén se ve afectado polas perdas económicas que xera a saturación das rúas por ríos de visitantes que non mercan nos seus negocios e dificultan a chegada da súa clientela habitual.

María Pérez, da Federación Veciñal Eduardo Chao (FAVEC), participante na plataforma, asegura ‘non estamos en contra do Nadal, nin dos dereitos humanos ao lecer e ao descanso. O que rexeitamos é converter o centro da nosa cidade nun parque temático para o turista. O modelo insostible que representa a masificación turística, lonxe de contribuír ó benestar social,  ten un alto impacto negativo directo na vida das persoas que habitamos estes territorios.’

Un modelo especulativo e con alto coste social e ambiental

Os efectos sobre a vivenda do modelo turístico actual é un dos puntos nos que a Plataforma fai fincapé no seu manifesto. Explican que esta fórmula ultraespeculativa da vivenda reduce a oferta de vivenda habitual e impulsa a subida dos prezos. ‘Actualmente, en Vigo e O Morrazo atopámonos nunha situación de emerxencia habitacional.- indica Juan Medela, do Sindicato de Inquilinas Vigo-Tui-BM, integrada na plataforma – Os prezos non deixan de marcar máximos históricos, e apenas hai oferta de aluguer, non hai vivenda pública e non a haberá no curto prazo’. Segundo a Plataforma esta situación vese agravada pola proliferación das máis de 2.120 Vivendas de Uso Turístico rexistradas en Vigo e perto de 1.800 no Morrazo, números ao que habería que engadir as ilegais. ‘As maiores damnificadas son as persoas xoves, estudantes e traballadoras para as cais atopar un lugar digno para vivir é misión imposible’.

Para as persoas representantes das 18 asociacións integrantes desta Plataforma a aposta por un monocultivo do turismo fai á nosa economía dependente e inestable, e causa un grave impacto a nivel social e ambiental, que non se limitan so á pobreza habitacional. É por iso que entre as esixencias recollidas no manifesto que leuse o 13 de decembro están, ademáis do control das vivendas de uso turístico, a mellora dos servizos públicos, transporte sostible, medidas para evitar o emprego precario, repercusión das taxas turísticas no territorio, a protección do medio ambiente, así como ‘unha maior participación cidadá nas decisións sobre o modelo turístico que queremos na nosa terra’.