Recollida de firmas nas feiras de Celanova, Ribadavia, Cartelle e Castrelo contra os aeros de 220 metros
- A plataforma Stop Eólicos a Limia a Xúres Celanova ten abertos 12 puntos de alegacións en seis cabeceiras de comarca, na cidade e noutras tres localidades..
A plataforma Stop Eólicos a Limia a Xúres Celanova, coa colaboración de veciñas de Cartelle e a comarca do Ribeiro desenvolverá unha intensa campaña de información e recollida de alegacións para se opoñer á instalación de aeroxeradores de 220 metros de altura na área do Coto Novelle, entre Cartelle e Castrelo de Miño.
A campaña comezará o xoves, día 26 de decembro, coa instalación dunha mesa informativa no mercado semanal de Celanova -cabeceira de comarca onde xurdiu no 2021 a primeira oposición veciñal contra a invasión eólica nestas comarcas.
Despois, as mesas repetiranse nas feiras de Castrelo do Miño (o día 29) e, á volta de ano, en Cartelle (día 4 de xaneiro) e Ribadavia (o día 10).
Puntos de alegacións
As mesas funcionarán, ademais como espazos para a información sobre o proxecto, denominado P.E. Arnoia, como puntos de firma e recollida de alegacións, un escrito dunha folla elaborado pola plataforma a partir do modelo presentado pola asociación Petón do Lobo, e que vén servindo para expresar a ampla oposición veciñal a estes proxectos de polígonos industriais sobre as montañas.
A plataforma habilitou puntos de firma e recollida de alegacións en Ourense, Celanova, Xinzo de Limia, Bande, Allariz, Ribadavia e O Carballiño, cabeceiras de comarca, e tamén en Cartelle, Outomuro e Vilar de Santos. Nas redes sociais e na web da plataforma poden consultarse as direccións dos locais e colectivos que colaboran, un total de 12.
Impactos sobre as augas e a saúde
Nunha visita esta semana a Calvelos (Cartelle) unha localidade de Cartelle situada a apenas un quilómetro do lugar onde se enclavarían aeroxeradores, membros da plataforma informaron a veciñanza dos potenciais riscos para a saúde (polo ruído, audíbel ou non, e polas sombras) e polo impacto sobre as augas (directos, sobre as minas de auga de dúas das fontes das que bebe a aldea e outras aldeas de Cartelle) poderían sufrir escaseza ou contaminación se o polígono industrial chega a se instalar, alén dos cambio na propiedade do monte.
Veciñas e veciños das aldeas máis afectadas xa empezaron a se informar e, nalgúns casos, a se organizar para opoñerse a través de alegacións ao proxecto, en fase de exposición pública até o 16 de xaneiro, cando remata o prazo para presentar alegacións.