Redacción •  Galicia •  23/12/2024

Augas de Galicia recoñece a contaminación por metais pesados procedente da mina de Touro

  • Tras as denuncias de Ecoloxistas en Acción, Augas de Galicia ven de impoñer unha nova sanción á mina de Touro por vertidos de residuos industriais contaminantes sin autorización.
  • O expediente acredita a alta contaminación por metais pesados procedente da balsa de residuos mineiros do Vieiro ao rego Pucheiras.
Augas de Galicia recoñece a contaminación por metais pesados procedente da mina de Touro

Augas de Galicia ven de impoñer unha sanción a Explotaciones Gallegas, propietaria da mina de Touro, por vertido contaminante ao dominio público hidráulico. A empresa galega, socia de Atalaya Mining para a reapertura da mina, é sancionada por contaminar o río Pucheiras con residuos mineiros procedentes da balsa de lodos do Vieiro.

No punto de vertido mostreado por Augas de Galicia atopáronse altas concentracións de manganeso e niquel, moi por riba do límite das normas de calidade ambiental. Isto confirma os resultados das análises realizadas por Ecoloxistas en Acción nese mesmo punto hai apenas un mes, nas que os valores de cadmio e mercurio sobrepasaban tamén varias ordes de magnitude o máximo permitido.

Os vertidos ao río Pucheiras agora sancionados foron denunciados por Ecoloxistas en Acción en agosto ante Augas de Galicia, pero motivaron tamén a apertura de dilixencias no Xuzgado de Arzúa. Por iso, Ecoloxistas en Acción denuncia que a pesar da probada reiteración e da constatación do delito, Augas de Galicia decidiu impoñer a sanción mínima a Explotaciones Gallegas, propietaria da mina de Touro.

A voceira de Ecoloxistas en Acción, Isabel García, lamenta que, a pesar de quedar demostrada a contaminación ambiental causada, Augas de Galicia xustifique con subterfuxios a aplicación da cuantía mínima sancionable e anuncia que a organización ecoloxistas presentará recurso de alzada á autorización de vertidos ao río Pucheiras.

Para a organización ecoloxista, esta nova sanción evidencia a incapacidade técnica da empresa de xestionar as augas residuais dunha mina en estado de abandono, polo que resulta inconcebible outorgarlle autorización para unha explotación activa a unha escala sen precedentes na comarca.


minas /