Redacción •  Galicia •  24/12/2024

Galiza avanza co BNG: compromiso, resultados e unha política ao servizo do noso País

O Bloque Nacionalista Galego demostra, máis unha vez, que con valentía política e un firme compromiso coa Galiza é posíbel conseguir logros concretos en beneficio do noso País. Este ano, a nosa acción no Congreso e no Senado foi unha ferramenta eficaz para transformar demandas históricas da cidadanía galega en realidades, desafiando inercias centralistas e colocando á Galiza no centro do debate político estatal.

Galiza avanza co BNG: compromiso, resultados e unha política ao servizo do noso País

Cumprimos porque defendemos á Galiza

O cumprimento do Acordo de Investidura non é unha concesión, senón o resultado da nosa capacidade de negociación e a nosa insistencia en que o Estado asuma a súa débeda histórica coa Galiza, sobre todo ante o déficit en materia de infraestruturas que lastran a economía do noso País, véxase as ferroviarias. Avances, todos os que conseguimos, que evidencian a nosa capacidade para defender os intereses da Galiza.

Entre os numerosos exemplos, salientamos a recente aprobación do Real Decreto para as novas bonificacións de até 75% para as persoas usuarias da AP-9, que representa unha conquista para milleiros de galegos e galegas que levan anos soportando portaxes inxustas. Estas bonificacións supoñen un alivio económico directo para quen emprega esta vía estratéxica para a mobilidade na nosa terra.

Medidas, todas elas, que non son un agasallo senón o resultado da firmeza do Bloque Nacionalista Galego para rematar coa discriminación que sofre o noso País e un trato xusto para a Galiza.

Negociamos para transformar e mellorar a calidade de vida

Alén do Acordo de Investidura que conseguimos, o BNG vén de demostrar ser unha forza negociadora capaz de influír en políticas de ámbito estatal, marcando a diferenza en momentos decisivos e conseguindo mellorar a xente da Galiza e as clases populares do Estado. Un exemplo emblemático e recente é:

  • A aprobación do Real Decreto sobre o gravame ás enerxéticas. Esta medida, impulsada coa nosa determinación xunto con EH Bildu e ERC, representa un paso cara a unha fiscalidade máis xusta e redistributiva: o interese da cidadanía por riba dos privilexios duns poucos. Esta é un exemplo claro de como desde a Galiza se pode incidir en políticas que impactan de forma positiva nas clases populares de todo o Estado.

Unha política útil, unha política galega

O BNG segue demostrando que, frente ao centralismo e ás políticas de compromiso baleiro, hai outra forma de facer política: unha política útil, con resultados concretos e guiada pola defensa inquebrantábel dos intereses da Galiza. Logramos situar os problemas do noso país na axenda estatal e seguiremos facéndoo, porque entendemos que a Galiza non pode esperar nin un minuto máis para avanzar cara á xustiza, á igualdade e ao progreso.

Desde as Cortes, reafirmamos o noso compromiso de ser a voz da Galiza en Madrid, unha voz que non cala, que non negocia á baixa e que traballa incansabelmente por un futuro máis digno para o noso pobo.


BNG /