BNG denuncia o caos e a sobrecarga de traballo que sofren os servizos sociais que tramitan as solicitudes de dependencia
Olalla Rodil empraza á Xunta do PP a reforzar os cadros de persoal se de verdade quere axilizar os trámites e cumprir os prazos que establece a lei.
A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, denuncia o “enorme caos” e a “grande sobrecarga de traballo” que está a provocar o Goberno de Rueda nos servizos sociais comunitarios que tramitan as solicitudes da dependencia e que están a sufrir en primeira persoa os cambios no procedemento aprobados coa maioría absoluta do PP, sen diálogo nin información aos traballadores e traballadoras, a través da Lei de Acompañamento dos Presupostos.
Cambios que, segundo subliña Rodil, fanse en teoría para axilizar os trámites, pero que na práctica nin van servir para acurtar prazos “nin moito menos para cumprir os que xa establece a lei estatal”. “A lei fixa un prazo máximo de seis meses desde hai dezaoito anos e Galiza non deixa de incrementar o tempo de espera”, denuncia a deputada nacionalista, lembrando ao respecto que 2024 rematou cunha espera media de 387 días, máis do dobre do prazo máximo establecido.
A modo de exemplo, a portavoz de Política Social no goberno alternativo do BNG denuncia que en Lugo, a día de hoxe, están chamando a persoas que solicitaron a dependencia en abril de 2024 para citalas e poder valoralas a finais de xaneiro deste ano. “Na práctica, van esperar case un ano”, criticou, para advertir da “saturación” por falta de persoal que sofren dende hai tempo os equipos que tramitan a dependencia e que agora se agrava polas reformas introducidas pola Xunta, que non puxo máis medios e nin tan sequera informou ao persoal dos servizo sociais comunitarios até a véspera da entrada en vigor dos cambios na tramitación.
“O Goberno do PP está xerando un enorme caos en unha grande sobrecarga de traballo nos servizos sociais comunitarios que xa están saturados pola falta de persoal”, subliña Rodil, que xa adiantou que o Bloque vai presentar no Parlamento unha batería de iniciativas para demandar, en primeiro lugar, que a Xunta atenda as demandas dos profesionais da dependencia, nomeadamente terapeutas ocupacionais e traballadoras sociais, e negocie con elas os cambios que se vaian introducir. “Séntense absolutamente ninguneados e con razón”, apuntou.
O BNG vai demandar, en segundo lugar, que “se realmente o Goberno do PP quere garantir en tempo e forma os dereitos das persoas dependentes, é necesario e urxente que amplíe o persoal dos equipos de valoración e orientación da dependencia e da discapacidade en toda Galiza”.
En terceiro lugar, o Bloque considera que un dos “elementos fundamentais” para garantir os dereitos das persoas dependentes é garantir que teñan acceso aos servizos públicos que necesitan, pois actualmente a maior parte das persoas que se atopan en lista de agarda en Galiza é polo acceso a un servizo ao que teñen dereito. Desde 2017 cada día faleceron no noso País dúas persoas agardando por unha praza que lle foi recoñecida como dereito. “Isto é inadmisible”, advertiu a viceportavoz do Bloque, que seguirá a pedir no Parlamento o incremento de prazas en servicios como residencias, centros de día ou servizo de axuda ao fogar.