Ana Pontón: “Esta mobilización ten que significar un punto e aparte para deixar atrás as políticas lingüicidas do PP”
Pide a Rueda que deixe de manipular os datos oficiais e de atacar a lingua e escoite o clamor social dunha cidadanía que quere galego, fale o que fale.
Reclama aos populares que volva ao consenso do Plan de Normalización Lingüística, o gran acordo pola idioma que xa ten Galiza e que eles racharon.

“Esta mobilización ten que significar un punto e aparte para deixar atrás as políticas lingüicidas do Partido Popular”. Así se pronunciou a portavoz nacional, Ana Pontón, sobre a histórica manifestación en defensa do galego celebrada en Santiago, unha das mobilizacións máis grandes da historia recente do País.
Pontón, que encabezou unha ampla delegación do BNG na mobilización convocada pola plataforma Queremos Galego, pediu ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, que “deixe de negar a realidade” e de “manipular os datos oficiais” sobre a situación de emerxencia na que se atopa a lingua e “escoite o clamor que hoxe se sente en Compostela a favor do galego”.
“Estamos aquí, un país enteiro en pé, para defender que queremos seguir vivindo en galego para denunciar estes 15 anos de políticas en contra da lingua que leva protagonizado o Goberno do Partido Popular”, indicou ao inicio da histórica manifestación celebrada en Compostela no Día de Rosalía.
Quince anos de “acoso e derribo” contra o galego, afondou, que levaron ao idioma propio á situación na que se atopa hoxe, a “peor da historia”, segundo os datos oficiais da propia Xunta, subliñou.
Ante esta dramática realidade, a líder nacionalista reclamou ao presidente do Executivo que deixe de atacar a nosa lingua e abandone políticas tan lesivas como ese “decreto da vergoña” que, advertiu, está provocando que “os nenos e nenas que entran pola porta da escola falando galego, saian falando en castelán”.
Neste sentido, a portavoz do BNG recordou que en Galiza xa existe un gran acordo pola lingua, que é o Plan de Normalización Lingüística, un acordo que rompeu o PP. “O que nós lle pedimos é que volvan ao consenso, que deixen de atacar a nosa lingua e que garanten que esta vai seguir sendo a lingua dos nosos fillos e das nosas netas”, afondou.
Pontón recordou que hai miles de persoas no País que queren galego, “falen o que falen”, polo que reivindicou o seu dereito a ser escoitadas. “Ese sentir social tamén ten que ser escoitado pola Xunta, que ten que deixar atrás as súas políticas de acoso e derribo e escoitar o que hoxe sentimos en Compostela, o orgullo de ser galegos e galegas, de ter unha lingua propia e saber que en galego temos futuro”, alegou, para subliñar a continuación que “non podemos perder algo tan importante para a nosa identidade e para o noso futuro” como o idioma propio.
“Pídolle ao señor Rueda que deixe atrás a demagoxia e a manipulación e que escoite a esta sociedade que lle está dicindo que quere mil primaveras máis para a nosa lingua”, concluíu.
