Redacción •  Galicia •  28/02/2025

BNG acusa á Xunta de infrafinanciar a xustiza gratuíta e deixala en mans do voluntarismo e do compromiso dos profesionais

  • Iago Tabarés advirte que se está a comprometer a viabilidade dos colexios profesionais e empraza o Goberno do PP a incrementar as compensacións
BNG acusa á Xunta de infrafinanciar a xustiza gratuíta e deixala en mans do voluntarismo e do compromiso dos profesionais

O portavoz parlamentario de Xustiza do BNG, Iago Tabarés, defendeu no Parlamento unha nova iniciativa para mellorar a financiación da xustiza gratuíta en Galiza que, segundo advertiu, atravesa dende hai tempo unha situación “absolutamente grave”. “É grave porque se está a comprometer a viabilidade dos colexios profesionais e é grave, gravísima, porque realmente o sistema de xustiza gratuíta está a recaer no voluntarismo e no compromiso dos profesionais que reciben cantidades ridículas polo traballo que fan”, advertiu.

Na defensa de iniciativa, Tabarés subliñou que o Goberno do PP en Galiza destina por habitante á xustiza gratuíta un 30 % menos que a media do Estado, e que a financiación por expediente é a segunda máis baixa entre as comunidades autónomas. Censurou, ademais, que hoxe en día os profesionais da avogacía ou a procura que traballan para a xustiza gratuíta cobran menos que en 2009.

Afondando na infrafinanciación, criticou que ano tras ano o PP rexeite as emendas que o BNG presenta aos orzamentos da Xunta para ampliar as cantidades para infraestruturas -ordenadores, locais, asesoramento, sistemas informáticos, locais…- da xustiza gratuíta. Subliñou, neste sentido, que as partidas permanecen practicamente invariables dende o 2009, cando se destinaron case 808.000 euros. No 2023, engadiu, a cantidade rondou os 876.000 euros.

“Se aplicamos o IPC para manter esa mesma contía, tería que superar o millón de euros, polo que na práctica a Xunta diminuíu a partida nun 30 %”, engadiu.

A iniciativa que defendeu Tabarés reclamaba precisamente melloras na financiación que reciben os colexios profesionais  para atender os gastos derivados do funcionamento operativo -a infraestrutura- dos servizos de asistencia xurídica gratuíta. En concreto, a través da súa proposta, rexeitada polo PP, o BNG emprazaba o Executivo de Rueda a negociar cos colexios profesionais a cantidade anual que reciben por estes gastos mediante un sistema de módulos por expediente tramitado. E, namentres, transferir as cantidades que correspondan no primeiro trimestre do exercicio que se compensa.

Segundo explicou o deputado nacionalista, a Xunta está a incumprir a normativa nesta cuestión, posto que segundo un decreto de 2017 a retribución por infraestrutura aos colexios debe negociarse mediante un sistema de módulos, tal e como se pedía na iniciativa, ou entrementres aplicar o 8 % ao custo económico xerado en cada período de liquidación.

Un 8% que o BNG considera que xa non cubre os gastos do Colexio pero que nin sequera se acada na financiación da Xunta, que o pasado 30 de xaneiro emitiu unha orde na que fixaba en 112.998 euros a cantidade destinada a atender os gastos de funcionamento operativo dos servizos colexiais de asistencia gratuíta. Cantidade, precisou Tabarés, que representa tan só o 0,98 % dos importe total certificado no ano 2023”.


Xunta /