Redacción •  Galicia •  31/03/2025

Día da terra Palestina en Redondela (Pontevedra)

  • As organizacións e colectivos galegos solidarios con Palestina reúnense en Redondela na IV Asemblea da Rede Galega Pola Palestina.
  • En conmemoración do Día da Terra Palestina, marcharon polas rúas de Redondela e plantaron unha oliveira nos xardíns da Xunqueira.
  • Esixen o fin de todo tipo de relacións, políticas, económicas, culturais ou diplomáticas con Israel. Así como a prohibición do comercio de armas con Israel en todo o estado español.
  • Chaman á poboación galega ao boicot activo as empresas colaboradoras con Israel sinaladas polo Comité Nacional Palestino do movemento civil Boicot, Desinvestimentos e Sancións, BDS.
Día da terra Palestina en Redondela (Pontevedra)

A primeira hora da mañá deste sábado, chegaban a Redondela, dende todos os lugares de Galicia, as persoas das organizacións e colectivos solidarios con Palestina para reunirse e debater sobre os procedementos e as accións para intensificar a resposta social de rexeitamento ao xenocidio palestino. Buscan o xeito para que toda a sociedade galega que respecta os dereitos humanos poida expresar a súa preocupación e condena do xenocidio cometido polo estado sionista de Israel. Para a Rede Galega pola Palestina “a impunidade coa que actúa Israel é intolerable e a sociedade civil ten que esixir aos seus gobernos e á comunidade internacional que freen a matanza”.

A Rede Galega pola Palestina manifesta que “é urxente que se tomen medidas de illamento de Israel mais, ao contrario, non favorece reprimir as persoas que se amosan solidarias.” Recordan que na última manifestación galega en Compostela de 6 de Outubro do 2024 “a policía detivo a 9 persoas cando se atopaban chamando ao Boicot, pacificamente, á cadea Burguer King pola súa colaboración co goberno sionista”. Estas persoas, a maioría na mocidade, enfróntanse a un proceso xudicial que está a causar un desaxuste na súa estabilidade emocional e psíquica. Para a Rede Galega este proceso xudicial debe parar xa e non seguir adiante.

O BDS, o movemento civil estendido por todo o mundo que apela a gobernos e sociedade ao Boicot, Desinvestimentos e Sancións, cumpre agora o seu 20 aniversario. Dúas décadas de firme resistencia popular, solidariedade e loita contra a complicidade internacional co réxime de opresión de Israel. Para á Rede Galega pola Palestina é fundamental o boicot as empresas colaboradoras co estado israelí que sinala o BDS dende Palestina e empraza a sociedade galega a boicotear a Carrefour, Burguer King, Mc Donalds, Siemenes, Axa, Airbnb, Dell ou Intel. Esta presión por Boicot xa conseguiu que fai uns meses Puma deixara de patrocinar á selección de fútbol israelí.

As 18:00, unha vez rematada a asemblea, unha marcha percorreu as rúas de Redondela. Para Redondela con Palestina, colectivo que acolleu a xornada, “o día de hoxe é unha mostra máis da solidariedade do pobo de Redondela coa causa palestina”“Levamos dende o 6 de novembro de 2023 concentrándonos, todos os luns ininterrompidamente, manifestando o noso rexeitamento ao xenocidio, esixindo o fin de relacións co estado de Israel, a nosa solidariedade coa resistencia palestina e o noso estupor ante a inacción da comunidade internacional” sinalan dende o colectivo acolledor. Ao final da marcha plantouse unha oliveira nos céntricos xardíns do paseo da Xunqueira para enxalzar o Día da Terra Palestina e a “humanidade de ese pobo que resiste ao epítome da crueldade” subliñaron dende A Rede.

Finalmente chamaron á sociedade galega a participar “en todos os actos de solidariedade coa Palestina” e lembraron que este próximo luns, 31 de marzo, no Auditorio de Galicia en Compostela, a partir das 20:00h, con entrada gratuíta e organizado polo Comité de Solidariedade Galego coa Causa Árabe, se celebrará unha Concentración da Cultura Galega contra o Xenocidio coa participación dunha nutrida representación de artistas de todos os ámbitos da cultura galega.


BDS /