Redacción •  Galicia •  06/04/2025

“Galiza pola Paz” lanza unha convocatoria de mobilizacións contra a escalada belicista o 9 de abril nas cidades galegas

  • Chaman a organizacións e entidades galegas de todo tipo a adherirse ao manifesto nunha aposta firme pola paz.
“Galiza pola Paz” lanza unha convocatoria de mobilizacións contra a escalada belicista o 9 de abril nas cidades galegas

A plataforma “Galiza pola Paz” presentábase esta mañá como un espazo “o máis plural e aberto posible”, no que se dea cabida a “todas as entidades que entendan que o militarismo non leva a ningures, agás á destrución” e para anunciar a convocatoria de mobilizacións o vindeiro 9 de abril, nas sete cidades galegas.

Así o explicou Marta Romero, que actuou como portavoz, matizando que as concentracións terán lugar ás 19:30 horas, na Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense diante da delegación e subdelegacións do Goberno; en Vigo, diante do Marco; en Ferrol na Praza Vella e en Compostela, na Praza Roxa.

Romero situou os precedentes de Galiza pola Paz, no 2022 coas accións levadas a cabo pola Plataforma Galega contra a OTAN, que naceu da necesidade de mostrar o rexeitamento do pobo galego á Cimeira da OTAN celebrada en Madrid. Unha cimeira que implicaba unha crecente militarización e discursos imperialistas para rearmar Europa, con maiores gastos que beneficios para o noso país.

Afirmou que, por iso, agora “nun contexto de maior escalada militar e confrontación máis aberta, vemos necesaria unha aposta máis firme pola paz”. Explicou que por iso se decidira crear este espazo, ao que chamou a adherirse a todas as entidades que aposten pola paz.

Manifesto

Respecto do contido do manifesto, Oscar Valadares apuntou que a plataforma denuncia a militarización “imposta a través do medo que os gobernos e a Unión Europea nos inculcan constantemente”.

Un medo que “no noso caso, baséase nunha suposta ameaza de invasión rusa, que algúns xa sitúan no 2030” e baixo o que “sen debate político ou popular, está a ser utilizado para aprobar investimentos en armamento por máis de 800.000 millóns de euros.

Valadares denunciou que algúns países, como o Estado español, xa anunciaron que superarán o 2% do PIB en defensa antes do 2029. Cantidades que cualificou de “inxentes” e que “nunca se destinaron á crise do 2008, á pandemia ou, máis recentemente, á catástrofe de Valencia”.

Alertou de que son fondos que se restarán dos servizos sociais: educación, sanidade e todo tipo de prestacións que a cidadanía sostén cos seus impostos. Lamentou que Galiza non poida tomar unha decisión propia a este respecto por carecer de “soberanía para decidir sobre o noso futuro”.

E  denunciou como infraestruturas clave como os aeródromos de Lavacolla e Rozas, as instalacións de Figueirido ou Marín, o porto de Ferrol ou as do Monte Iroite “están á disposición da maquinaria de agresión da OTAN”.

Por iso concluíu alertando dos intentos de “convencernos agora de que Galiza é rica en terras raras, esenciais para a industria militar, promovendo un proceso de industrialización que, en realidade, non é tal”.


antimilitarismo /