O persoal de Yáñez irá á folga para reclamar información concreta sobre o futuro da empresa e garantías de cobro dos salarios
- O paro será o martes 22 de abril e haberá concentracións na Coruña e Compostela.

A CIG-Industria vén de convocar unha xornada de folga nos tres concesionarios que Yáñez ten na provincia da Coruña para exixir información concreta sobre o futuro da empresa, garantías no abono dos salarios e na continuidade dos postos de traballo.
A folga terá lugar o martes 22 de abril e para darlle máis visibilidade ás súas demandas, os traballadores e traballadoras realizarán dúas concentracións. A primeira, ás 10:30h, diante do concesionario Yáñez da Coruña (no Polígono da Agrela), na que tamén participará o persoal de Ferrol.
A segunda será ás 12:00h no concesionario Yáñez de Santiago de Compostela e nesta protesta participará o persoal dos tres centros de traballo.
A CIG-Industria denuncia a situación de incerteza absoluta na que se está o persoal de Yáñez (concesionaria oficial de Volkswagen na provincia) dende a declaración de preconcurso de acredores o pasado 18 de decembro. O xerente da empresa leva meses desaparecido, deixando tras de si unha nefasta xestión, pero até principios de abril o administrador do preconcurso non facilitou ningunha información sobre o estado da compañía.
Nas últimas semanas visitou os tres concesionarios para comunicar a súa intención de levar adiante unha reestruturación do persoal a través dun ERE, que podería afectar ao 50% do cadro de persoal, e que por falta de liquidez non se abonarían as nóminas de marzo. Tamén cuantificou a débeda da empresa con provedores e a casa oficial nuns sete millóns de euros.
Para sorpresa do persoal e sen ningún tipo de comunicación ao respecto, este mesmo mércores abonouse a metade do salario de marzo ao conxunto de traballadores e traballadoras. Porén, descoñecen se percibirán a outra metade da nómina ou cando, nin hai tampouco garantías de cobrar as nóminas dos próximos meses.
Neste senso, hai que subliñar que aínda que os concesionarios continúan abertos e no de Compostela se traballa con relativa normalidade, nos talleres da Coruña e Ferrol a actividade está en mínimos porque non hai pezas de recambio nin materiais para as reparacións e o mantemento dos vehículos.
Diante disto, e para demandar información clara sobre o futuro da empresa e un plan de viabilidade, os traballadores e traballadoras acordaron continuar coas mobilizacións e convocar esta primeira xornada de folga.