Redacción •  Galicia •  23/04/2025

Organizacións da cadea de valor da madeira, fundacións, comunidades de montes e ecoloxistas piden ampliar a moratoria do eucalipto ata 2030

  • A cadea de valor da madeira reunida na Fundación Arume, conxuntamente con organizacións ecoloxistas, fundacións, comunidades de montes veciñais en man común e expertos do mundo académico asinaron unha declaración conxunta na que piden á Xunta de Galicia a ampliación da moratoria das plantacións de eucalipto ata 2030.
  • Todas organizacións asinantes mosan a súa preocupación polo futuro do territorio, o seu desenvolvemento económico, a súa biodiversidade e a súa resiliencia, propoñendo un acordo de país sobre a reversión da actual expansión do eucalipto en Galicia.
Organizacións da cadea de valor da madeira, fundacións, comunidades de montes e ecoloxistas piden ampliar a moratoria do eucalipto ata 2030

A elaboración da proposta, a súa xustificación e a procura de consensos foi facilitada pola Fundación Arume e as organizacións ecoloxistas, facendo posible que diferentes sectores sociais, económicos e do mundo académico da sociedade galega se adhiran á declaración.

Fundación Arume aglutina empresas e colectivos da cadea de valor da madeira, como as asociacións de propietarios forestais, empresas de servizos forestais, viveiros, serradoiros e empresas da segunda transformación da madeira, entre outros. A estas sumáronse outras entidades do sector forestal como a Clúster da Biomasa de Galicia e Bioeco2 (asociación profesional de ámbito forestal). Tamén, fundacións como a Fundación Juana de Vega, Fundación RIA e Fundación Montescola, así como expertos do mundo académico e organizacións ecoloxistas como Amigas da Terra, Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), SEO Birdlife e WWF España, que complementan olladas sobre o territorio e demandan co resto de asinantes a necesidade de ampliar a vixente moratoria ata comprobar que se cumpren os obxectivos de redución da súa superficie marcados polo Plan Forestal de Galicia, documento marco aprobado no Parlamento de Galicia.

Con esta declaración, os asinantes fan un chamamento aos responsables da Xunta de Galicia para que se aplique a salvagarda contida na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que estableceu a prohibición temporal ás novas plantacións de eucalipto a partir de xullo de 2021, prohibición que expira a finais do presente ano. Segundo a devandita lei, a data establecida “poderá ser obxecto de revisión en base aos datos consolidados obtidos polo inventario forestal continuo de Galicia e na revisión das medidas establecidas no Plan forestal de Galicia 2021-2040”.

Precisamente, a revisión da data a esta moratoria está xustificada a partir das conclusións do informe A cadea forestal-madeira de Galicia 2023-2024, presentado en decembro de 2024 pola Xunta de Galicia en colaboración coa Universidade de Vigo. Segundo este informe, os datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG) para 2023 revelan un aumento da superficie das plantacións de eucalipto: a superficie cuberta polo eucalipto en Galicia ocupa 419.051 hectáreas, o que se traduce nun aumento a respecto do ano 2022 do 1,4%, 6.000 hectáreas máis.

Os asinantes da declaración lembran á Xunta de Galicia que, cando se estableceu a actual moratoria no ano 2021, un dos obxectivos recoñecidos pola Xunta de Galicia era cumprir cunha das directrices marcadas no Plan Forestal de Galicia 2021-2040: o de rebaixar nun 5% a superficie de eucalipto no horizonte do 2040, o que implicaría reducir a súa presenza nunhas 20.000 hectáreas.

Ao dato do incremento da superficie ocupada polo eucalipto cabe engadir que parte desta expansión acontece en espazos naturais protexidos, incluídos algúns dos máis emblemáticos de Galicia por constituír relictos de bosque atlántico costeiro recoñecidos internacionalmente polo seu alto valor para a biodiversidade, como é o caso do Parque Natural da Fragas do Eume. Segundo unha investigación recente publicada na Misión Biolóxica de Galicia, nun período de 25 anos constatouse a perda dun 17,6% de bosque autóctono no interior deste espazo protexido, así como un aumento das plantacións de eucalipto. Concretamente, a presenza do eucalipto incrementouse un 48,2% entre os anos 1997 –ano en que foi declarado parque natural– e 2022.

A declaración tamén lembra á Xunta de Galicia que na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, aprobado en 2021, a proposta do modelo de monte para Galicia é a seguinte:

  • Un monte ordenado e xestionado activamente e que dispoña do recoñecemento, por terceiras partes, da súa xestión forestal sostible (GFS).
  • Un monte dirixido á valorización de todos os usos e servizos.
  • Un monte multifuncional onde se compatibilicen os usos económicos e sociais cos servizos ecosistémicos que achegan os bosques.
  • Un monte que mobilice as terras agrarias infrautilizadas ou abandonadas.
  • Cunha superficie de eucalipto equilibrada, cun control adecuado sobre a súa evolución e xestionada activamente, onde no primeiro quinquenio (2021-2025) o número de novas hectáreas non se incremente máis dun 3% da superficie inicial para que, ao final do cuarto quinquenio (2036-2040), a superficie total diminuira ata un 5% da superficie inicial.
  • Cunha maior superficie de coníferas, pero, en especial, aumentando o valor das masas actuais.
  • Cunha aposta decidida polo incremento das masas de frondosas caducifolias.
  • Que conteña a expansión de especies invasoras.

Ademais dos criterios e medidas expostas no Plan Forestal de Galicia, a declaración lembra que se deberían ter en conta as recomendacións derivadas do Ditame do Parlamento de Galicia, como: “Manter a prohibición de plantación de eucalipto en terras agrícolas ou en montes poboados con frondosas autóctonas; incorporar á normativa a limitación de plantación de eucaliptos en áreas de piñeiro, en función dos plans de ordenación dos recursos forestais; manter a prohibición de plantación de eucalipto nas faixas próximas aos cursos de auga e aos núcleos de poboación; manter a prohibición da plantación de eucaliptos en zonas de Rede Natura e outros espazos protexidos, etc.”.

Na declaración, as organizacións asinantes solicitan concretamente ao Goberno da Xunta de Galicia:

  • Prorrogar a moratoria de novas plantacións de eucalipto, en base aos datos consolidados obtidos polo Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG) e na revisión das medidas establecidas no Plan Forestal de Galicia 2021-2040, como establece o “art 5 Disposición transitoria 9ª da Lei de Recuperación da terra agraria de Galicia”, como mínimo durante o próximo quinquenio, e ata comprobar que se cumpren os obxectivos de redución de superficie marcados no PFG.
  • Establecer mecanismos para cumprir os obxectivos de superficies que establece o Plan Forestal de Galicia.
  • Manter, como expresan as directrices do Plan Forestal de Galicia, o obxectivo de limitar e reducir a superficie ocupada polo cultivo de eucalipto en Galicia.
  • Reforzar o papel do IFCG e a necesidade técnica de contar con máis tempo para avaliar de xeito adecuado o efecto da moratoria.
  • Que, en canto sexa posible coa metodoloxía empregada na cartografía de IFCG e a teledetección satelital, se identifiquen as superficies de plantacións de eucaliptos que incumprisen a moratoria establecida en 2021 e se inicien de oficio os trámites para que se restitúan os terreos ao seu estado anterior.

Organizaciones asinantes: Amigas da Terra, Bioeco2, Clúster da Biomasa de Galicia, Ecoloxistas en Acción, Fundación Arume, Fundación Montescola, Fundación Juana de Vega, Fundación RIA, Greenpeace España, Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), SEO Birdlife, Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN),  WWF España.

Sinaturas individuais: Lourenzo Fernández Prieto (Catedrático de Historia Contemporánea da USC, Director Científico do CISPAC), Laura Oso Casas (Catedrática de Socioloxía da UDC, Directora adxunta do CISPAC), Xavier Simón Fernández (Catedrático de Economía Aplicada da UVigo, Director adxunto de Transferencia do CISPAC), Edelmiro López Iglesias (Profesor Titular de Economía Aplicada da USC), David Soto Fernández (Profesor Permanente Laboral de Historia Contemporánea da USC), Mario Pansera (Investigador Distinguido Oportunius na Área de Organización de Empresas da UVigo) e Ruth Varela Rodríguez (Investigadora Juan de la Cierva de Composición Arquitectónica da UDC).


eucalipto /