Redacción •  Galicia •  24/04/2025

Ana Pontón a Rueda: “É o presidente dun goberno antigalego e desleal que fai que Galiza perda cando ten todo para ganar”

As urnas non lle deron un cheque en branco para traizoar a maioría social mentres traballa en beneficio das empresas amigas do Partido Popular.

O BNG ofrece para construír a Galiza do futuro un proxecto alternativo na que cada decisión teña como obxectivo a defensa do País e da súa xente.

Reforzar a sanidade, un Sergas dos servizos sociais, limitar os prezos do alugueiro, revitalizar o galego, entre as propostas da alternativa do Bloque.

Propón unha política industrial de vangarda e respectuosa co medio fronte ao tridente do PP de macrocelulosas, megaminaría e espolio eólico.

Ana Pontón a Rueda: “É o presidente dun goberno antigalego e desleal que fai que Galiza perda cando ten todo para ganar”

A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou a Alfonso Rueda de ser o “presidente máis antigalego e desleal da historia” e advertiulle que o resultado das urnas “non supón un cheque en branco” para traizoar  aos galegos e ás galegas. “Hai algo que as urnas non lle deron nin lle darán nunca, o dereito a gobernar en contra de Galiza que é exactamente o que está facendo e iso é imperdoable”, reprochoulle no Debate do Estado da Nación.

Pontón criticou ao titular da Xunta que, na vez de servir a Galiza, como el mesmo autoproclamou, sexa un “servidor de Altri, das eléctricas, da sanidade privada, dos que fan negocio coa vellez e das empresas de familiares e amigos do Partido Popular”, ás que rega con contratos a dedo, tal e como evidencian, exemplificou, as 1.600 contratacións por valor de sete millóns de euros adxudicadas a Eulen, empresa que dirixe en Galiza a irmá do seu antecesor e presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo.

“Señor Rueda, vostede non serve a Galiza, sérvese de Galiza”, afeou a un Rueda do que dixo preside un “goberno antigalego e desleal” con consecuencias “nefastas” para un País que está peor tras “16 anos de gobernos absolutistas do PP” que deixan unha Galiza con menos poboación, menos emprego industrial, á cola en innovación, na que a xente moza ten máis problemas para acceder a unha vivenda, na que os sectores produtivos van a menos e na que a lingua propia vive unha situación de emerxencia.

Un retrato que a portavoz nacional foi debullando cos datos oficiais: a perda de 90.000 habitantes, a destrución de 31.700 empregos industriais, a segunda taxa de poboación activa máis baixa do Estado, seis puntos menos que hai quince anos na converxencia con Europa, unha taxa de investimento reducida á metade da existente en 2008 ou máis de 33.000 millóns de euros do aforro galego marchando fóra do País (case a metade do PIB).

Unha “Galiza paralizada e estancada”, sintetizou, por un Goberno do PP “sen proxecto, que conduce co freo de man posto, que desperdicia o potencial e a riqueza do País ou, aínda peor, que malvende esa riqueza ao mellor postor”. “O seu proxecto consiste en vender Galiza a prezo de saldo”, recriminou ao presidente do Executivo, a quen acusou de non ter máis proposta que o tridente “macrocelulosas, megaminaría contaminante e favorecer o espolio eólico das eléctricas”, a propia do “franquismo industrial”. “A este paso, só lle queda poñer o cartel de ‘Galiza véndese’”, reprochou.

Altri, paradigma de como o PP goberna en contra de Galiza

A líder nacionalista sinalou a Altri como o “paradigma” de como “o PP goberna en contra de Galiza” desde a “deslealdade máis absoluta” cun Rueda que elixe “facer de comercial” da multinacional portuguesa para que instale unha “bomba ambiental” no corazón do País, na vez de defender os intereses da xente do rural e do mar, de protexer os 4.000 empregos directos da comarca de Arzúa-Ulloa e os 19.000 da ría de Arousa.

Tras lembrar algunhas das habituais portas xiratorias atravesadas polos populares (a exconselleira Beatriz Mato na empresa socia de Altri en Galiza, a exministra Isabel Tocino ou o exconselleiro Carlos de Álamo en Ence, o exdirector de Conservación da Natureza Ricardo García Borregón en Navigator), Pontón interpelou ao titular da Xunta polas seguintes portas que abrirá o PP.

“Cal será a próxima porta xiratoria? Algún director xeral, algunha conselleira? Ou será a súa, señor Rueda?”, cuestionou, logo de afearlle os “méritos que está facendo” peregrinando por despachos de Madrid e Bruxelas reclamando para Altri 250 millóns de euros de axudas públicas para que contamine o río Ulla e a ría de Arousa.

A portavoz do BNG pediulle ao titular da Xunta que desactive esta bomba ambiental e tendeulle a man para “traballar xuntos” co obxectivo de conseguir que eses 250 millóns veñan a Galiza para rexenerar as rías, fortalecer as pemes e os sectores produtivos, que si son “un proxecto tractor”, recalcou.

Fronte á estratexia de vender Galiza do PP, defendeu a alternativa industrial do BNG e que pasa por poñer a riqueza do País ao servizo do País, con iniciativas novidosas como o fondo soberano Nova Galiza Innovadora, que permitiría mobilizar 1.200 millóns ate 2030 para investimento estratéxico. Unha aposta que pasa tamén pola ciencia e a innovación,  incrementando o gasto en I+D+i até o 2,5% do PIB, e, en materia enerxética, por frear o espolio creando unha empresa pública de enerxía, unha tarifa eléctrica galega e recuperando as concesións hidráulicas a medida que caduquen. “É de sentido común, a enerxía de Galiza ao servizo de Galiza”, resumiu.

Ante un PP que converteu Galiza nun eucaliptal con 419.000 hectáreas, case o dobre do previsto no Plan Forestal para 2030, Pontón avogou por recuperar 100.000 hectáreas para terras de cultivo; apostar por un monte multifuncional e implantar un Plan de compra pública alimentaria, co obxectivo de que no ano 2027 o 50% dos produtos que se consuman en todos os comedores da administración pública sexan produtos frescos e de proximidade.

Reforzo dos servizos públicos

Pontón criticou a Rueda que tamén goberne en contra da maioría cando usa o goberno para “converter dereitos básicos en negocio”, a comezar pola sanidade, na que utilizou non unha tesoira senón unha “motoserra” cun recorte acumulado na Atención Primaria de 2.000 millóns de euros ou o incremento dun 18% nos concertos coa sanidade privada desde 2019 que destapou o Consello de Contas.

“Non hai cartos para contratar psicólogos e psicólogas pero si hai cartos para pagar un sobrecusto de 470 millóns de euros ás construtoras amigas do Partido Popular polo hospital de Vigo”, engadiu para, a continuación, contrapoñer as alternativas do Bloque.

Alternativas que pasan por desenvolver un Plan de rescate da Atención Primaria, aumentando os recursos até destinar o 25% do orzamento total do Sergas; un novo Plan  de saúde mental e prevención do suicidio, que contemple a incorporación de 180 psicólogxs máis, cen deles en atención primaria; un plan de choque para reducir as listas de espera; rescatar a área sanitaria de Vigo e corrixir de inmediato todas as deficiencias da área sanitaria de Ourense e, por último, mellorar as condicións de traballo dos e das profesionais da sanidade pública.

No ámbito da dependencia, a portavoz nacional defendeu a creación dun Sergas dos servizos sociais, colocando a dependencia ao mesmo nivel que a sanidade e a educación, fronte a un PP que ten o SAF colapsado e que promete agora 24 residencias en tres anos cando non creou nin unha soa praza pública en 16 anos.

“Total, que máis dá, a propaganda aguanta todo”, ironizou para evidenciar a política de anuncios baleiros dun Partido Popular que segue sen ofrecer nada do rexistro de familias monoparentais, da Lei de Accesibilidade, da Estratexia para combater a soidade non desexada, dos centros de coidados intermedios ou do novo modelo de residencias que leva anos prometendo. “Debe ser parte do seu ‘estilo Rueda’, demostrar unha vez e outra que a súa palabra non vale nada”, criticou ao presidente do Executivo.

As alternativas reais do BNG en materia de vivenda ante o fracaso do PP

A líder nacionalista evidenciou o “fracaso absoluto” das políticas de vivenda do PP que o único que fixo en 16 anos foi “dinamitar a política social de vivenda” e anunciar programas que son un fracaso tras outro. Tal é o caso do programa de vivenda baleira, que mobilizou tan só 30 en catro anos; do programa Rehaluga de axudas a rehabilitación, no que houbo anos no que chegaron a conceder “a mareante cifra de tres axudas en total”; o programa Vivendas Vivas, que ía mobilizar 300 vivendas e mobilizou 36 en tres anos,  ou o programa Rexurbe, polo que se anunciaron 1.500 vivendas protexidas en 2016, que a Xunta elevou a 3.000 en 2020, pero que a día de hoxe apenas supuxo 20 vivendas protexidas entregadas. 

“E para guinda da torta, en 2024 que presentaron como o gran ano da vivenda, dos 12 millóns de euros para construír vivenda de promoción pública o seu goberno deixou sen executar 10,7 millóns”, afondou Pontón, quen puxo de manifesto con este repaso aos principais programas do PP neste ámbito de actuación o seu “fracaso tras fracaso que intenta tapar con anuncios e propaganda”. 

Fronte a esta incapacidade dos populares, puxo sobre a mesa as medidas reais en materia de vivenda: declarar zonas tensionadas para limitar os prezos do aluguer e aumentar as axudas; retirar todas as vivendas turísticas ilegais do rexistro da Xunta e fixar un límite máximo de vivendas turísticas por habitante en Galiza; e mobilizar vivenda baleira para poñela en aluguer social, tendo en conta que só nas grandes cidades hai 90.000 vivendas baleiras.

Defensa da lingua

Pontón pediu a Rueda que recupere a gratuidade dos libros de texto como propón o Bloque na vez de anunciar beneficios fiscais por material escolar e, no ámbito da lingua, preguntoulle cal é o seu problema co galego. “A que se debe esa política de acoso e derribo? Por que vota sempre en contra da nosa lingua?”, interpelou, para advertir a continuación que de seguir coas súas políticas lingüicidas só fará falta seis anos para que desapareza o idioma propio do País.

“Teña por seguro que non o van conseguir, porque somos máis os galegos e as galegas que sentimos orgullo e amor pola nosa lingua!”, recalcou, para recordar a continuación a proposta de acordo do BNG en materia lingüística: pactar prazos e orzamentos para aplicar o Plan Xeral de Normalización, derrogación do decreto da vergoña e novo decreto do galego que garanta as xeracións mais novas o dereito a coñecelo e a usalo.

No ámbito do autogoberno, defendeu a necesidade de que Galiza acade un novo status de nación que lle permita tomar decisións sobre as cuestións que lle son propias e no que se inclúa un concerto económico e criticou a Rueda que presuma de ter obtido a competencia do litoral, unha única competencia en 16 anos. “A este paso precisaríamos máis de 300 anos para que se cumpra o Estatuto”, ironizou sobre un presidente galego do que dixo se limita a obedecer o que lle mandan dende a rúa Génova, tal e como puxo de manifesto en reiteradas ocasións, a última, rexeitando a quita da débeda negociada polo BNG que beneficia a Galiza. “Que caro nos sae o seu servilismo a Madrid, señor Rueda”, reprochou.

Pontón cualificou de “acto de indignidade” o evento co que o PP celebrou o primeiro aniversario das eleccións galegas, todo un exemplo do “ruedafeudalismo”, ese estilo polo que a “xente ten que ir a darlle as grazas ao gran líder polos favores que este reparte”. “Vostede non quere dereitos, quere caridade; non quere cidadáns, quere servos; pero debe saber que en política vense a servir á xente, non a servirse da xente”, advertiu, logo de afearlle que, ademais, se utilizasen recursos públicos para este acto.

Na quenda de réplica, a portavoz do BNG lamentou que o presidente da Xunta desaproveitase a oportunidade que lle brindaba este Debate do Estado da Nación para rectificar e retirar o seu apoio a Altri tal e como lle pide a maioría social do País ou que non aceptase a man tendida do Bloque para chegar a acordos, por exemplo, en materia lingüística.

A líder nacionalista pediulle unha vez máis a Rueda que deixe de estar ao compás da rúa Génova e das multinacionais e que “non desprece” o diálogo que lle ofrece o Bloque para traballar a favor do País. “Se quere traballar a favor de Galiza, vai poder contar sempre co BNG”, concluíu. 


BNG /