Luís Villares critica as declaracións Feijóo e Puy encomiando os investimentos de Fomento en Galicia xa que nada teñen que ver coa realidade
O voceiro de En Marea cuestionou o optimismo amosado tanto polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, como polo portavoz do grupo do PP na Cámara Galega, Pedro Puy, nas que valoraban positivamente o trato de Fomento con Galicia. Luís Villares, preguntouse que tería que pasar para que o PP considere insatisfactorio o trato recibido xa que En Marea non atopa nin unha soa acción na que se poda “sacar peito” do logrado para o noso país. A redución dun 30 por cento nos orzamentos en materia de infraestruturas para Galicia, o veto reiterado a simplemente debater o traspaso da AP-9, a negativa a financiar as obras do corredor atlántico, ou a subida das peaxes nun 4 por cento en Galicia son algunhas das probas evidentes que tiran por terra as declaracións tanto do presidente como do portavoz popular no Parlamento segundo destacou Villares.
“Que é o que hai que envexar de Feijóo, a súa comprobada irrelevancia política?” preguntou o voceiro de En Marea. “Non temos unha xoia de presidente, senón un miñaxoia que non é quen de lle plantar cara ao Ministro De la Serna e como consecuencia todo Galicia está a pagar o enfrontamento entre eles” asegurou.
O voceiro de En Marea preguntou tamén a quen lle preguntaría Feijóo e Puy para ter ese optimismo e alegría nas súas declaracións asegurando que desde logo “non lle preguntaron nin aos transportistas e cidadáns que terán que pagar un 4 por cento máis nas peaxes, nin aos portos exteriores que están infrautilizados pola falla de conexión co Estado e Europa, ou aos empresarios que teñen que soportar que unha vez máis negaran o Corredor atlántico”, entre outros moitos. “A chispa desa alegría ven unicamente por que están ebrios da súa maioría absoluta” asegurou Villares.
A GALICIA REAL DA DESIGUALDADE
O voceiro de En Marea asegurou que fronte a esta Galicia imaxinada de Feijóo e Puy, existe a Galicia real na que a desigualdade pasa a ser un dos trazos definitorios. Existe así unha Galicia na que o 50 por cento dos traballadores e traballadoras padecen algún tipo de precariedade no seu contrato laboral, no que a brecha salarial entre homes e mulleres continúa a medra, no que hai máis de 672.000 persoas cobrando menos de 500 euros ao mes de salario, e no que o risco de exclusión social supera o 25 por cento.
“¿De que presume Feijóo? Calquera outro o faría mellor que el” concluíu Villares.
EXTREMAR A SEGURIDADE NAS OBRAS DE RANDE
O voceiro de En Marea, Luís Villares, referiuse tamén ao último accidente laboral rexistrado nas obras da AP-9 en Rande en resposta a unha pregunta da prensa. Villares lembrou que o seu grupo xa puxera o foco de atención nas condicións laborais nestas obras no anterior sinistro que rematou coa vida dun traballador. Xa naquel momento o voceiro de En Marea ante os indicios de que algo non se estaba a facer ben, solicitara que se extremasen as medidas de protección e seguridade, petición que foi reiterada esta mañá.
“Non se pode condicionar a entrega dunha obra a costa da saúde da xente. Galicia ten sa taxas de siniestralidade laboral máis alta do Estado” declarou Luís Villares