Ante os incendios dos últimos días Feijóo nega a maior
"Polo visto “prevención” non é unha palabra que Feijóo coñeza, xa que prefire “corrixir”. Será polos negocios privados que hai tras os incendios forestais?"
Comunicado
Levamos días de intensa calor que deixan tras de si centos de incendios forestais e máis de 900 hectáreas de monte queimadas, como os últimos incendios que afectaron o Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán por mor da falla de prevención da Consellería de Medio Rural e da propia Presidencia da Xunta de Galicia.
Feijóo nega a maior botándolle a culpas ás altas temperaturas e ao vento. Vai ser culpa do cambio climático, estratexia que por certo ten esquecida a Conselleira de Medio Ambiente en algún caixón da consellería porque seguramente prexudique a algún dos seus amigos industriais.
Independentemente da orixe dos lumes, a realidade é que a Xunta de Feijóo leva anos traballando para empresas afíns ao sector forestal coas que contrata os servizos de extinción de incendios forestais ao mesmo tempo que desmantela o servizo público de extinción de incendios.
Feijóo, o amante do rural, para respectalo leva meses retrasando a posta en funcionamento do operativo contraincendios.
Polo visto “prevención” non é unha palabra que Feijóo coñeza, xa que prefire “corrixir”. Será polos negocios privados que hai tras os incendios forestais?
A falta de prevención é un motivo máis que sumar a moitos outros como o intento de colar ao sector do mar a lei de acuicultura ou as xa comentadas adxudicacións a empresas privadas do servizo “público” de extinción de incendios forestais.
A falta de prevención é un incumprimento do dereito constitucional de todas a gozar dun medio ambiente san; é un incumprimento dos principios de “precaución”, é o mesmo que “prevención”, motivos máis que suficientes para exixir a dimisión da conselleira de medio rural e a do propio Feijóo.
Nós, pola contra, sabemos que o Patrimonio Natural de Galicia non ten prezo pero si un valor incalculable xa que é fonte de vida para as xentes do rural de Galicia, polo que dende Podemos Galicia apostamos firmemente pola prevención dos incendios, con axentes forestais e medioambientais vixiando o monte todo o ano e planificando a prevención como centro da política forestal para mellorar Galicia.