As votacións para as primarias de En Marea serán o 17 e o 18 de agosto
O proceso adíase 24 horas para facilitar a integración de Podemos. O censo estará aberto ata as 23.59 horas do 16 de agosto.
As votacións para as primarias nas que se elixirán as persoas que formarán parte da candidatura ao Parlamento de Galicia serán o 17 e 18 de agosto. O seu inicio adíase 24 horas desde o previsto, por decisión da coordinadora provisional e para facilitar a integración de Podemos.
O censo para estas primarias pecharase mañá, 16 de agosto, ás 23.59 horas. Terán dereito a voto todas as persoas que asinaran o manifesto dos alcaldes ata ese momento e todas aquelas persoas que tiñan dereito a voto nas primarias de Podemos Galicia agora suspendidas e que, antes de votar, adicionalmente, se adhiran ao manifesto dos alcaldes e incorporen os seus datos ao censo de En Marea.
SEGURIDADE DO PROCESO
Para facilitar unha maior participación, flexibilizaranse os criterios de inscrición. E para garantir a seguridade, o reconto será supervisado polo Comité Electoral, e incluirá a realización dunha auditoría, con diversos controis (por poboación, concorrencia de IPs, anonimizadores, etc). Tamén haberá presenza de interventores durante o proceso e un chequeo exhaustivo mediante chamadas aleatorias realizadas por estes interventores.
Ademais, Podemos incorporará dúas persoas ao Comité Electoral e dúas persoas á Coordinadora Provisional de En Marea.