En Marea acusa á Xunta de empregar a súa maioría para gobernar de costas á cidadanía e impoñer unha Lei da saúde centrada nos beneficios das grandes empresas
A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, defendeu este martes as emendas de En Marea a modificación da Lei de Saúde imposta polo Goberno do Partido popular. Arrancou a súa intervención saudando ás persoas presentes no hemiciclo de convidados e os concentrados ás portas do Parlamento que continúan na súa “loita tenaz”, “meses de loita de protestas lembrando que a tiranía non debe ser lei”. E pese a iso, a resposta do goberno galego do PP non foi outra que desprezar todas estas voces o mesmo que fai coas emendas dos grupos da oposición.
“Para vostedes iso é a democracia, unicamente votar cada catro anos, empregan a súa maioría para gobernar de costas á cidadanía. Gobernar sen escoitar non é maioría e ser unha satrapía. A súa soberbia, virtude do sátrapa, impide atender a voz dos máis vulnerables” afirmou Eva Solla.
A realidade queda demostrada cos datos: “medios materiais peor ca nunca e humanos xa nin falamos. Suprimiron as xerencias para que incrementasen os gastos en altos cargos e as contas están aí”. A deputada Eva Solla asegurou que a mobilidade forzosa dos profesionais sanitarios non é dar máis servizos o mesmo que denunciou a imposibilidade de cumprir coa continuidade asistencial e a relación médico-doente.
Así mesmo, Eva Solla criticou os novos servizos postos en marcha que asegurou son totalmente insuficientes como acontece coa hospitalización a domicilio. As emendas de En Marea, como salientou a deputada de En Marea, apostan por descentralizar o sistema, polo tanto ampliar ás áreas sanitarias xa que “todas as galegas e galegos deberan ter o mesmo acceso ao sistema sanitario”. “A realidade é que os servizos cada vez son peores e a equidade campa as súas anchas” asegurou Solla.
Esta contrarreforma camiña ademais contra a participación no deseño das políticas de saúde. Así, as asociación de veciños desaparecen porque non queren escoitar estas voces que si saben como é a realidade do país. Na súa intervención Eva Solla lembrou tamén as continuas e repetidas advertencias desde o Consello de Contas que alerta ano tras ano do incremento en gasto de empresa privada e a falla de transparencia das contas.
No relativo á investigación pública, Eva Solla asegurou que esta modificación da Lei pretende a penetración da industria a sanidade pública. “Que acontece con aquelo que non é rendible que non produce beneficio para as grandes multinacionais como as enfermidades raras?” preguntou Eva Solla. “Vostedes favorecen iso con esta contrarreforma. Condicionan a saúde aos beneficios das grandes empresas. O beneficio privado non é parte do sistema sanitario público pese a que vostedes pensen que si” asegurou a deputada de En Marea.
“A xente que se está a mobilizar non é tonta, nin está manipulada como din vostedes. Sabe máis ca nós e que vostedes da realidade sanitaria no noso país. E a realidade é que vostedes non están a gobernar coa maioría senón coa satrapía” concluíu Eva Solla quen advertiu que a loita da cidadanía non cesará nas rúas do noso país.