En Marea •  Redacción •  Galicia •  27/08/2016

En Marea presenta a súa candidatura na Coruña como alternativa ao PP de Alberto Núñez Feijóo

O candidato á presidencia da Xunta de Galicia de En Marea, Luís Villares, salientou que En Marea “é a ferramenta que este país necesita para solucionar os seus problemas, os problemas que deixa Feijóo, con xente que ten claro onde están os problemas, onde poñer os cartos non aos amigos, xente comprometida, disposta a deixar todo pola xente”.  Fronte á alternativa de En Marea, sinalou está o “escapismo de Feijóo que na súa última feijoada atreveuse a culpar aos concellos dos problemas dos incendios despois de incumprir o seu propio plan forestal, de precarizar e privatizar o servizo de extinción, ou abandonar a prevención centrándose case en exclusiva na extinción”. “Temos un escapista, un cobarde, que non asume a súa propia incompetencia” denunciou o candidato á presidencia de En Marea.

En Marea presenta a súa candidatura na Coruña como alternativa ao PP de Alberto Núñez Feijóo

O escapismo de Feijóo como explicou Luís Villares vai máis alá xa que “a Feijóo escápanselle tamén os cartos”. Así disparou a débeda pública galega a límites vergoñentos, se lle escaparon os aforros das galega e galegos despois de ter investido cartos públicos nas bancas galegas. “Nós non escapamos, afrontamos os problemas con responsabilidade é compromiso, queremos dar exemplo” afirmou Luís Villares.

O cabeza de lista pola Coruña, Antón Sánchez, arrancou explicando que aínda que a súa concepción da política é como unha carreira de fondo “hai momentos nos que hai que sprintar, é este é un deses momentos porque non nos podemos permitir catro anos máis de desgoberno e corrupción”. “Temos un presidente indigno para este país, que paseaba en iate co narcotraficante Marcial Dorado, que aposta por Baltar que é corrupción escenificada. As fotos de Feijóo con Marcial Dorado truncaron a carreira política estala de Feijóo, e nós dicimos que se non vale para á política española tampouco nos vale para a política galega” defendeu Antón Sánchez. Unha corrupción que asegurou o cabeza de lista pola Coruña é estrutural no PP e que inclúe outras accións como vender a prezo de agasallo as bancas galegas ou a AP-9 ou vender o noso vento para empresas estranxeiras que so deixan migallas no noso país.

“Feijoo dicía onte que Galicia estaba mellor agora, e nós lle dicimos que para que iso fose así teríanse que crear 130.000 empregos máis, 150.000 mozos e mozas terían que regresar ao país, teríamos que ter caixas de aforros galegas, volver a se crear os 25.000 empregos destruídos no sector agrario, ou contar cun 20 por cento máis de emprego industrial, iso só para poñer o contador a cero” declarou Antón Sánchez. “O que hai que facer o imos facer nós, seremos nós, En Marea, que fará das institucións a palanca de cambio sempre cunha perna na rúa porque necesitamos a forza social para loitar contra os poderosos, e que todo ese talento volva ao noso país, xente comprometida e honesta que arrisque por este país, como o noso candidato Luís Villares que se xoga a súa comodidade persoal pola aposta polo país” concluíu o cabeza de lista de En Marea na Coruña.

Luca Chao, número 3 pola Coruña, centrou o seu discurso en destacar que “En Marea non é un proxecto de nomes senón de ideas, temos un proxecto de cambio ao servizo das maiorías sociais, de ilusión, onde traballar xuntas e estar altura dunha responsabilidade histórica, xeracional de dar un paso adiante e garantir o futuro aos nosos fillos e fillas, un cambio en igualdade porque non haberá cambio sen igualdade”.

A número 4 da candidatura pola Coruña, Magdalena Barahona, denunciou o desastre que supuxo o goberno de Núñez Feijóo para o noso país “un desastre que buscan perpetuar” e contra o que asegurou o primeiro que os candidatos e candidatas de En Marea van facer é desmontar a grande mentira de Feijóo e o PP cando aseguran que Galicia e España vai ben, “non é verdade”. “O seu obxectivo é claro, arrebatarnos os dereitos sociais, os servizos públicos esenciais como sanidade e a educación. A crueldade social é a verdadeira política do Partido Popular” denunciou a número 4 pola Coruña.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, que foi o encargado de presentar á candidatura coruñesa, referiuse aos homes e mulleres que integran as listas de En Marea “boas, xenerosas, preparadas para asumir o reto de ser o grupo parlamentario que dará soporte ao Goberno da Xunta de Galicia”. Na súa intervención fixo referencia aos gobernos das Mareas municipais que están xa a demostrar que outra política, outra forma de xestionar é posible. “Demostramos que era posible unirse, estar xuntos e xuntas, que era moito máis o que nos unía que o que nos diferenciaba, que era posible traballar xuntos. Somos a grande esperanza de moitos galegos e moitas galegas, somos a grande esperanza para o noso país” afirmou Xulio Ferreiro. “Este país está listo para o cambio e serán as candidaturas de En Marea as que demostren que outra Galicia é posible” concluíu o alcalde da Coruña.
 


En Marea /