Redacción •  Galicia •  27/07/2018

Vilalba Aberta demanda do Concello que asuma a xestión da Piscina coma paso previo á remunicipalización do servizo

A xestión directa permitiría un aforro de 56.016,01€ en base ao explicitado no orzamento máximo de licitación e blindaría a estabilidade duns traballadores/as vítimas, tamén, do proceder en materia laboral das dúas últimas adxudicatarias.

Vilalba Aberta demanda do Concello que asuma a xestión da Piscina coma paso previo á remunicipalización do servizo
A asemblea de Vilalba Aberta ven de facer público o seu posicionamento ao respecto da saída a concurso do servizo da Piscina e o Parque Acuático para os próximos catro anos. Un debate, previsto na orde do día do Pleno Ordinario do vindeiro luns e no que a formación asemblearia defenderá o inmediato control municipal de ámbolos servizos coma paso previo á súa definitiva remunicipalización.
 
Na súa argumentación, fan referencia aos sobrecustes inherentes a toda adxudicación e ás posibilidades que para as arcas municipais suporían o aforro nas porcentaxes referidas á cota de beneficios industriais que ata o de agora se reservaba a empresa, das comisións comerciais así coma no que ten que ver co pagamento do correspondente IVE, a realizar con cada factura remitida, e que dende Vilalba Aberta cifran nun extra de 56.016,01€ en base ao explicitado no orzamento máximo de licitación.
 
A este respecto e segundo os estudos realizados desde a Federación Española de Municipios e Provincias, o aforro mínimo que se produciría pola remunicipalización do servizo estaría en torno ao 30% e sería seguramente superior, como demostran algunhas experiencias de Concellos que retomaron o control directo de servizos das memas carácterísticas no que vai de lexislatura.
 
Na mesma liña se pronunciaba hoxe o seu voceiro e edil, Modesto Renda, quen apelou á responsabilidade do Goberno Municipal, subliñando a importancia de optimizar recursos e capital humano na súa defensa dun modelo de  xestión pública que, ao tempo que aseguraría que o obxecto da prestación se reduza en exclusiva ao que ten que ver coa calidade do servizo, blindaría a estabilidade nas condicións e dereitos duns traballadores/as vítimas, tamén, do proceder en materia laboral das dúas últimas adxudicatarias.

servizos públicos /