En Marea fai un chamamento á cidadanía a participar na manifestación convocada en Vigo para reivindicar o rescate do sistema sanitario público
A formación política pídelle á cidadanía galega o apoio á mobilización convocada para mañá sábado 3 de setembro por SOS Sanidade Pública para reivindicar o rescate do sistema sanitario público atacado polo goberno de Núñez Feijóo a través das privatizacións e os continuos recortes.
Fronte aos ataques de Feijóo que busca dinamitar a nosa sanidade pública galega, desde En Marea apostan por garantir o dereito á saúde e o dereito ao acceso universal ao sistema sanitario público no noso país. Así, unha das prioridades de En Marea tras a súa chegada ao goberno da Xunta de Galicia o vindeiro 25 de setembro será recuperar para o control público toda a sanidade que foi destruída e privatizada polo goberno de Núñez Feijóo.
O candidato á presidencia da Xunta de Galicia de En Marea, Luís Villares, xunto coa cabeza de lista de En Marea por Pontevedra, Carmen Santos, o número 2, Marcos Cal, e a número 3, Eva Solla, entre outros candidatos e candidatas de En Marea sumaranse aos actos previstos ás 12 horas nas inmediacións o hospital Xeral en Vigo.