Redacción •  Galicia •  26/09/2018

Esquerda Unida denuncia irregularidades e opacidade na adquisición de fármacos por parte do SERGAS

O informe do Consello de Contas sobre farmacia hospitalaria resalta a mala praxis á hora de optimizar a compra de fármacos, entre outras.

Esquerda Unida denuncia irregularidades e opacidade na adquisición de fármacos por parte do SERGAS

Segundo desprende o último Informe do Consello de Contas, o gasto farmacéutico da Xunta vai aumentando de maneira paulatina nestes anos (do 30% en 2014 ao 36% en 2016), con opacidade e incumprimento os procedementos establecidos na Lei de Contratos Públicos. Dende Esquerda Unida mostrámonos moi preocupadas ante o incremento do consumo de fármacos neste contexto de irregularidades denunciadas polo propio Consello de Contas.

O informe do Consello de Contas sobre farmacia hospitalaria resalta que, á hora de adquirir produtos, “a pesar da existencia de protocolos ou instrucións internas, estas non se cumpren”. É por iso que o sistema de información sobre a adquisicións e consumos de fármacos, (coñecido como a Aplicación SINFHOS), “non proporciona información sobre os prezos ofrecidos por diferentes laboratorios, e non conserva o historial de prezos”, o que imposibilita unha posición vantaxosa de cara a optar por fármacos máis accesibles. Ao non cumprirse o protocolo, “isto xera unha falta de homoxeneidade nos datos rexistrados”, en consecuencia, “non é o suficientemente efectivo e non permite a optimización de recursos”, así como o control do gasto.

Ademais, a documentación relativa ás adquisicións e condicións de subministración dos produtos carece de sistematización, o que xunto co sistema de compras directas que supera o 90% das adquisicións na farmacia hospitalaria, impide un cumprimento efectivo dos trámites establecidos na normativa reguladora dos contratos do sector público.

Aínda que o que máis chama a atención, dentro destas malas prácticas de acordos con laboratorios, é que nalgún caso se rexistran pagos por outros servizos, tales como “becas, cesión de equipos o mantemento dunha páxina web” así como unha “práctica estendida por parte dos laboratorios de ofertar bonificacións consistentes nun abono contable en función do volume de adquisicións, sen que isto se recolla de forma axeitada”, algo totalmente incrible e inaceptable.

Tras ter levado esta cuestión ao Parlamento da man de Eva Solla, voceira de Sanidade de En Marea, dende a Xunta de Galicia seguen sen dar as cifras que solicita a deputada, e non se ten nada claro sobre como funcionan os procedementos de adquisicións de fármacos na farmacia do hospital.


Esquerda Unida /  fármacos /  SERGAS /