O PPdeG vota en contra de crear unha Mesa que xestione e controle a continuidade e viabilidade de Alcoa con todas as partes implicadas
Da iniciativa de En Marea aprobouse a petición ao Ministerio de Industria de crear un Estatuto das empresas electrointensivas e a execución inmediata dos 150M€ contemplados nos Orzamentos de 2018 mantendo esa partida para 2019.
A proposta de En Marea de crear unha Mesa con todas as partes implicadaspara que, no espazo de tempo de 5 meses, xestione e controle un proceso co obxectivo principal da continuidade e viabilidade das plantas de Alcoa de Avilés e A Coruña, foi rexeitada esta mañá no Parlamento de Galicia cos votos en contra do PPdeG, malia ter logrado o visto bo do Pleno do Parlamento hai uns meses. Para Francisco Casal, que trasladou esta mañá á Comisión de Industria unha iniciativa con sete propostas para garantir o futuro de Alcoa, isto é unha proba definitiva de que “a Xunta só pretende negociar de xeito unilateral coas empresas, deixando fóra os propios traballadores”.
Ademais, os populares galegos tamén se opuxeron a que o Estado e a Xunta de Galicia supervisen e fagan un seguimento, en colaboración coa empresa e a parte social, das actuacións que realice ALCOA para garantir o estado de mantemento e mellora das cubas de electrólisispara a sua posible reactivación, xa sexa polo novo inversor ou pola SEPI, o 1 de xullo de 2019. “Sabemos como actúa esta empresa e pensamos que a administración ten que controlalo para que non nos digan a 30 de xuño de 2019 que as cubas son irrecuperables, como fixeron en Italia”, lembrou Casal, “pois é un proceso que non nos vai saír gratis, así que se poden esixir compensacións efectivas ás empresas que cobran subvencións”.
Pola contra, o PPdeG votou a favor dos puntos 4 e 8 da iniciativa, que foron aprobados. De xeito que o Parlamento de Galicia insta ao Ministerio de Industria e Transición Ecolóxica a preparar e establecer, no periodo plantexado no punto anterior de 5 meses, unha nova regulación enerxética (Estatuto das empresas electrointensivas) similar a de outros países europeos, que faga viables esta o outras industrias electrointensivas e a execución inmediata e completa da partida orzamentaria de 2018 de 150 M€,xa convocada, para mellorar a viabilidade da industria electrointensiva. Do mesmo xeito modificar a partida orzamentaria dos orzamentos do estado de 2019 23 425A 471 do Ministerio para a Transición Ecolóxica, mantendo como mínimo o mesmo orzamento de 150 M€que no ano 2018.
Aprobada quedou tamén a emenda do PP “totalmente asumible como emenda de adicción”, dixo Casal, “porque non di nada”:
– Buscar, identificar e captar investidores industriais que engadan valor e poidan iniciar a súa actividade nas instalacións existentes en A Coruña e Avilés antes do 30 de xuño de 2019. Para iso, activarán tamén os instrumentos públicos de apoio ao investimento e de acompañamento ao investidor.
– Promover medidas de política industrial que contribúan ao mantemento das capacidades industriais e laborais en ambas zonas en pro dun desenvolvemento económico sostible.
– Que estas actuación teñan como obxectivo principal garantir a continuidade do emprego en ambas plantas, así como o seu impacto indirecto.
– Desenvolver, neste mesmo período de tempo, o Real Decreto Lei 20/2018, de 7 de decembro, para garantir un marco enerxético estable, predicible e competitivo para a industria electrointensiva.