navantia.es •  Redacción •  Galicia •  14/09/2016

En Marea promoverá a incorporación da Xunta no Consello de administración de Navantia para que o Goberno galego poda intervir e dar viabilidade aos estaleiros públicos galegos

O candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Luís Villares, agradeceu a labor dos gobernos das Mareas coma o de Ferrol que “demostraron que a dignidade pode gañar e que é posible facer as cousas doutro xeito“.

En Marea promoverá a incorporación da Xunta no Consello de administración de Navantia para que o Goberno galego poda intervir e dar viabilidade aos estaleiros públicos galegos

En Marea ateigou o Teatro Jofre nun encontro coa cidadanía de Ferrol na que o candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Luís Villares, comprometeuse en lograr que a Xunta de Galicia entre a formar parte do Consello de administración de Navantia tras o 25 de setembro para que o Goberno galego poda intervir e viabilizar a vida de Navantia en Fene e Ferrol, e porque “é a única política sensata con Navantia“. No seu discurso Villares destacou a aposta de En Marea por lograr que a Xunta de Galicia teña participación en todas as empresas públicas para poder intervir na súa estratexia económica e poder coordinar o plan empresarial do país.
 
O candidato á presidencia da Xunta arrancou a súa intervención comentando a comparecencia do presidente en funcións do Goberno central, Mariano Rajoy, unha vez máis a través dun plasma. “Hoxe vimos unha comparecencia en plasma, pensei que non poderían facelo outra vez e o fixeron de novo. Non o  podía crer. Unha nova proba de que sen dúbida non teñen vergoña. Nós cremos na política de verdade non de plasma“ salientou Villares. “Hoxe Rita Barberá tivo que tirar o carné do PP e todos dixeron: como lle honra! Queredes honra, pois pedide a Baltar que entregue tamén o seu carne. Retrátate e expulsa do PP a Baltar, retrátate e bota do teu partido a un home que pediu favores sexuais a cambio de traballo“ retou Villares ao candidato do PP, Núñez Feijóoo.
 
Centrado xa en Ferrol, o candidato á presidencia de En Marea puxo en valor a loita da cidadanía ferrolá “referencia en todo o país de loita, unha dignidade colectiva, de pensar nas maiorías, avanzar xuntos porque é o único xeito“. “Beiras foi dos primeiros en alzar a voz e chamar a nosa atención e captar a mensaxe da unidade popular. E dicir como non ía ser posible que as organizacións políticas se puxeran de acordo e naceu AGE como o xerme desa unidade, a luz que iluminou o proxecto de En Marea. Era doado tecer En Marea despois dese proxecto de solidariedade e unión. O cidadanismo, as mareas municipais demostraron que a dignidade podía gañar e de que é posible facer as cousas doutro xeito“ explicou.
 
O candidato á presidencia afirmou que o proxecto de En Marea é un proxecto nacional que concibe Galicia como un país non como unha suma de Concellos. “E pasado, e presente e futuro, e é cultura e lingua. Unha lingua prohibida neste momento como ensinar matemáticas en galego algo que vai acabar o vindeiro 25 de setembro“ asegurou. Un proxecto para reconstruír o país en clave de convivencia de solidariedade, de democracia participativa, de transparencia institucional. Por iso inclúe a creación dunha lei galega de lobbies, proposta presentada no debate na TVG a  Feijóo e que quedou sen resposta pola súa banda. “Só se escoitou un eco sen reposta no plató por parte do candidato do Partido Popular“ lamentou Villares.
 
O proxecto de En Marea aposta pola remunicipalización de servizos. “Feijóo non é bo xestor por iso ten que privatizar. A privatización é mala xestión“ afirmou o candidato de En Marea. “O 90 por cento das causas xudiciais por corrupción veñen derivada das privatizacións polo que cando remunicipalicemos e recuperamos para o público todo o privatizado polo PP lograremos desatascar os xulgados do noso país, ¿que máis se pode pedir?“ chanzou Villares.
 
En Marea non cre nos privilexios, senón en atender aos que máis o necesitan sen deixar a ninguén atrás. Por isto, a primeira medida co futuro goberno galego de En Marea será  aprobar un decreto de garantías sociais mínimas que garanta o dereito a unha vivenda digna que acabe cos 39 desafiuzamentos diarios que temos en Galicia na actualidade. Na actualidade hai 600.000 persoas en risco de pobreza segundo datos oficiais, “En Marea quere garantir que todo o mundo teña pan que levar a boca e  asegurar fin da pobreza enerxética, porque hai fogares galegos aos que lles cortan a enerxía porque non poden pagar non porque non queiran senó porque non poden e vense obrigados a pasar frío no inverno“.
 
Medidas que se poderán poñer en práctica a través dunha fiscalidade distinta “que busque a riqueza onde existe e non continuar a favorecer e privilexiar a eses que teñen os cartos mentres a maioría social continúa sufrindo“. E tras esa medida urxente, o goberno de En Marea levará a cabo outras orientadas a recuperar todo o destruído polo PP nestes anos. “Iso é compromiso social e decidido de gobernar para as maiorías. Ninguén dixo que fose fácil máis fácil sería comparecer cunha pantalla de plasma pero non cremos nese tipo de política e hoxe máis que sempre o pobo é quen máis ordena. Hai Marea!“ concluíu o candidato á presidencia da Xunta de En Marea, Luís Villares.
 
O cabeza de lista pola Coruña, Antón Sánchez, anunciou que o vindeiro 25 de setembro “En Marea vaille dar o finiquito a Núñez Feijóo, 20 anos por ano roubado ao noso país“. “Non estamos para ser escravos nin para obedecer, estamos para o cambiar todo. Non só nos enfrontamos ao PP senón contra o modelo institucional contra os máis débiles, contra os que causan dor. Imos acabar coa institucionalización da violencia instalada co PP“ declarou Sánchez. En Marea loitará contra o desmantelamento total levado a cabo polo goberno de Núñez Feijóo nestes anos e que destruíu un de cada 3 postos de traballo no sector agrogandeiro, e un de cada 5 no industrial. “Feijóo destruíu 120.000 empregos en sete anos, destruíu o futuro de milleiros de persoas que tiveron que deixar o noso país“ denunciou o cabeza de lista. Un desmantelamento provocado non só pola súa incompetencia “que tamén“, senón pola corrupción. “O PP traballa para as grandes empresas e queren vir agora en campaña a dicir que traballan por nós. Pois o vindeiro 25 S daremos as costas á corrupción como forma de goberno que é o que temos agora mesmo“ asegurou Antón Sánchez.
 
A número 2 pola provincia, Luca Chao, criticou a intervención do candidato do PP no debate na canle de televisión pública o pasado luns “defendendo un país de cartón pedra que nada ten que ver co que vivimos diariamente todos os galegos e galegas“.
 
“Esta vez podemos gañar porque é unha marea que únenos a todos, a maioría social, e nos levaremos a voz da cidadanía agredida. Para ser a voz da cidadanía temos que escoitar algo que sabemos ben en En Marea. Temos que escoitar a voz das persoas que sofren porque un home e o seu goberno antepoñen os intereses privados pero temos que escoitar tamén aos que o PP deixou sen voz“ declarou Luca Chao.
 
“Temos o mellor candidato pero tamén o mellor programa. Defendemos a potencia que podemos ser no sector naval, pese as desfeitas de Feijóo que di que non había barcos antes de que el chegase,  o que é curioso é que siga habendo barcos a pesar de Feijoo e moitos mais virán cando chegue En Marea ao goberno galego o 25 de setembro“ asegurou.
 
“Sobran os motivos de rabia a indignación, e por iso sobran tamén para soñar e loitar por que ese soño dun país mellor se cumpra e o lograremos o vindeiro 25 de setembro“ concluíu.
 
O membro da coordinadora de En Marea a portavoz nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, asegurou que o vindeiro 25 de setembro “En Marea acabará co desgoberno dun partido que converteu Galicia nunha autoanemia durante 30 anos». “Ese mertirán institucional compulsivo nacido en Los Peares, dixo que Villares fora posto a dedo por un alcalde, o que non dixo se foi Jorge, Martiño ou Xulio, é tan ignorante que non sabe que tres alcaldes deron o paso de impulsar En Marea para crear un partido instrumental e que Luís Villares foi elixido por todos os integrados no partido de En Marea polo 85 por cento dun censo de máis de 10.000 persoas. Eles que usan o dedo incluso para llo meter aos cidadáns nos ollos. El que foi posto a dedo por Mariano Rajoy e Romay Becaría de María» declarou Xosé Manuel Beiras.
 
No seu discurso, Beiras tivo un recoñecemento especial para a cidadanía de Ferro, “unha cidade que loita pese a todas derrotas que sufriron, o exemplo do pobo galego en pé e que gañará tamén o vindeiro 25 de setembro“. “En Marea levará a cabo unha mutación rotunda nas formas de facer política, na que os cartos irán primeiro para as necesidades da cidadanía e do país e despois para o resto e se non chega non chega“ afirmou Xosé Manuel Beiras.
 
A candidata de pola Coruña, Lorena Dapena, falou da aposta pola democracia real e participativa que En Marea levará a todas as institucións públicas. “Dende En Marea defendemos un modelo económico que teña como obxectivo a poboación e rescatar os servizos públicos. Defendemos un modelo económico que busque o benestar da maioría non dos especuladores» concluíu.
 
O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, encargado de presentar o acto, asegurou que “Feijóo é un monicreque da administración central despreocupado polo naval e por esta comarca» por iso animou a “axitar a árbore para que a grande mazá podre que representa Feijóo caia dunha vez por todas da árbore e non se volva a levantar e poder entre todos e todas construír un país moito máis xusto“.


En Marea /