En Marea •  Redacción •  Galicia •  17/09/2016

Luís Villares é arroupado por Ada Colau e os alcaldes do cambio no seu mitin central na Coruña

Esta mañá as #OndasDoCambio chegaron aos xardíns Méndez Núñez da Coruña, con Luís Villares arroupado pola alcaldesa de Barcelona, Ada Colau e mailos “tres alcaldes do cambio”, Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez, ademais do n.1 pola Coruña, Antón Sánchez, e a n.2. Luca Chao.

Luís Villares é arroupado por Ada Colau e  os alcaldes do cambio no seu mitin central na Coruña

O candidato á presidencia da Xunta, Luís Villares, reivindicou o exemplo dos alcaldes do cambio e de Ada Colau, por “plantarse non polos seus intereses senón polos dos demais. Grazas por ese exemplo fraternal compartido por todos os pobos. Nós podemos presumir de amigos que comparten as loitas polos dereitos sociais. Outros non poden subir os seus amigos aos escenarios, poden subilos aos iates, pero non aos escenarios. Serian divertido ver a Atila Nuñez Feijóo compartindo escenario con Rita Barberá e con Rus, os seus amigos e compañeiros de partido. O PP nestas eleccións está empeñado en ocultar o seu nome para que non o identifiquen co partido dos recortes e da destrucción deste país. Avergóñanse e queren ocultar o que son. A derrota de Feijóo en Galicia será a derrota de Rajoy no conxunto do Estado. Imos dar exemplo de que é posible entenderse e construír maiorías alternativas aos recortes do PP. Como remataría en Pontevedra o mitin? Co himno do PP ou de Paquito Chocolatero?. Cando se perciben as inxustizas é facil dar paso para poder combatelas, non ten mérito sacar a toga. Fai falta vir á politica para mudar as políticas inxustas. Diso en Galicia sabemos moito. Xa o fixemos nas loitas irmandiñas e xa o fixo antes María Pita. A nosa historia é a historia do compromiso. Por iso cando foi a catástrofe do Prestige non nos chegou con protestar e manchamos as mans de chapapote para defender os intereses deste país, cousa que non facía o Goberno.  Por iso foi doado que o movemento de indignación cristalizase en movementos cidadáns que hoxe están aquí representados neste escenarios. Porque a xente sofre de igual maneira aquí e alá.  Un país xusto preocupase pola xente. Por iso a nosa primeira medida será un decreto de medidas urxentes para que ninguén máis sexa desafiuzado e pase frío nas súas casas. Un país xusto está orgulloso da súa lingua. Nós somos pouco amigos de prohibir e levaremos a liberdade aos centros de ensino. Porque un país xusto non deixa morrer aos seus enfermos na casa e hai altos cargos acusados pola Fiscalía do TSXG de homicidio imprudente por non dispensar medicamentos aos enfermos de hepatite C.Sabemos que é posible levar a dignidade ás institucións. UN país xusto non privatiza os servizos públicos dándolle unha parte do noso esforzo aos beneficios das empresas. Por iso os gobernos de cambio nos concellos comezaron a remunicipalización dos servizos. Recuperaremos para o público todo o que foi privatizado. Un sistema público de saúde gratuito e universal. Un país xusto non abusa das mulleres e as trata como mercancía. Levamos oito días de campaña e Atila Nuñez Feijóo aínda non cesou a Baltar, unha persoa da que sabemos que ofrecía postos de traballo na Deputación a cambio dunha relación sexual. A responsabilidade política non é o mesmo cá penal. E todos sabemos distinguir entre o que é ético e o que non o hai. Galicia non é un iate nin unha empresa, é unha gran familia. E o goberno galego ten que compartirse como unha familia. Tamén garantimos a paralización da aplicaicón da LOMCE en canto cheguemos e a recuperación dos servizos de comedores que permitan a conciliación da vida laboral e familiar. Un país xusto coida dos bosques e non os queima, por iso replanificaremos o sector forestal e o sistema de prevención e extinción de incendios. Un país xusto é solidario e igualitario, por iso os alcaldes do cambio dades exemplo coa renda social básica como paso previo ao que faremos na Xunta a partir do 25 de setembro. Non vos rindades, vencermos nós. Hai Marea!»

A alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, comezou dicindo que se sentía na Coruña “coma se estivese na casa”. E pasou a reivindicar a necesidade de que “temos que ser máis mulleres. O cambio que queremos e o país xusto será coas súas mulleres ou non será. Estamos por todas as partes, só falta que haxa máis sobre o escenario. Como Ada cidadá veño a escoitar e aprender do pobo galego que tantas veces se mobilizou na defensa da súa terra e da súa xente, como fixestes no Nunca Máis, apagando lumes estes verán, no 15M e como faredes o 25 de setembro nas institucións. E tamén estou aquí para transmitirvos un abrazo fraternos do pobo catalán ao pobo galego, que se xoga o seu futuro pero tamén para derrotar o PP que tanto ameaza dereitos e liberdades en todos os pobos do Estado. E esto aquí por fraternidade sinceira. Compartimos algo moito máis importante ca un partido, anhelo sinceiro de dignidade, procesos de empoderamento que veñen a cambiar realmente as cousas dende abaixo, non só para a xente, senón coa xente. Fraternidade sinceira entre pobos dun Estado que é plurinacional de feito pero tamén agora de dereito. Nada de deprimirse e desilusionarse porque nestas eleccións vainos o futuro da nosa vida e dos nosos fillos. Quen nos ía dicir hai dous anos que iamos rematar co maldito bipartidismo que parecía non rematar xamáis, que teriamos os concellos do cambio e que en Galicia En Marea está en condicións de disputar a presidencia ao Partido Popular. Temos que saber que non será doado, hai moito en xogo e os que sempre mandaron non van deixar o pastel facilmente. Saibamos ver o que está en xogo e o que xuntas empezamos a construír. Ese é o noso tesouro. Non deixemos que nolo arrebaten. En Barcelona hoxe poden consultarse todas as facturas, estamos promovendo a economía social e cooperativa, cambiando as clausulas para favorecer as PEMEs nos contratos públicos, estamos facendo un plan de rescate cidadán, con bolsas-comedor que reduciron o absentimo escolar e os nenos máis pobres agora veñen á escola. Ou a ampliación das axudas ao aluguer para todo o mundo. Isto é o que cambia a vida e transforma as prioridades reais na Administración pública. Non o veredes nos telexornais pero é o que se está construíndo día a día. Evitamos que 4.000 persoas que estaban a piques de ser desafiuzadas. Tamén lle dixemos a Endesa que se acabaron os cortes e estamos traballando nun operador enerxético municipal porque queremos recuperar os bens comúns para a xente.Todo isto nunca o fariamos sós e soas. Teño que agradecer a todos os alcaldes e alcaldesas que tecemos rede por todo o Estado. o próximo 25 de setembro poderemos tamén en Galicia, tedes a enorme responsabilidade de pelexar pola vosa xente e de enviar unha mensaxe ao resto dos pobos do Estado que hai unha marea cidadán e honrada para erradicar a cultura do pelotazo e da corrupción, orgullosa da súa lingua e das súas raíces”. Ada rematou coa cita do poeta galego Manuel Antonio.

O rexedor da Coruña, Xulio Ferreiro, chanceou con Negreira e Feijóo “ que andarán xogando a Pokemon Go e Hundir la Flota”. “Non nos merecemos un presidente que nos ten por idiotas. Os datos din que hai 120 mil persoas menos traballando en Galicia dende o 2009, que o gasto social en Galicia perdeu un 8% nos últimos 8 anos, que a débeda custa xa un 16% dos orzamentos. Na Coruña tamén nos dicían que todo ía ben. E a realidade era que se estaba dividindo entre os que vivían moi ben e os que pasaban fame. Este mes vaise poñer a Renda Social Municipal e aquí non vai haber ninguén que pase frío nin fame.” Ferreiro reivindicou que “En Marea veu para construír futuro”. “Ada Colau demostrounos que se pode gobernar doutro xeito, ao servizo da xente, é un espello no que mirarnos, a mellor alcaldesa do Estado español. E grazas Luís pola valentía e o compromiso, e porque vas ser o mellor presidente deste país. E que esteamos hoxe aquí non é por casualidade. Bye Bye señor FEijóo, vostede xa perdeu as eleccións o día que decidiu que os problemas da xente non eran os seus problemas. Estamos cambiando a política para sempre. Non só perdemos o medo, senón que gañamos coas nosas mans. Esta revolución democrátia xa non hai quen a pare. Quedanos unha semana de traballo. Temos que chegar a todas as vilas e barrios. Dicirlle que estamos aquí, que somos a alternativa e que imos gañar o goberno á Xunta de Galicia coas nosas mans. Porque hai alternativa e Hai Marea!”.

Martiño Noriega comezou declarandose “adista”. “Non hai backstage que non sexa o da súa nobreza”, dixo Noriega. Para seguir agradecendolle ao “futuro presidente da Xunta” ter dado o paso de encabezar o proxecto de En Marea. “Teño tratado xente que aseguraba ver pitufos azuis, e seguro que os vía, logo está a suxestión colectiva que nos quere desmobilizados, os que publican artigos de divulgación científica para xustificar as maternidades tardías no país pero non se esforza en explicar as dificultades de criar despois os nenos. A que xoga co medo e nos din ou nós ou o caos, pero non nos alertan do que se pode quedar. Dese caos non nos din absolutamente nada. Logo están os datos. Nos últimos anos non mellorou ningún. A mellor xeración formada no paro. Os datos do deterioro dos servizos públicos. Prefiren ternos na escravitude deste s.XXI e malia ter un posto de traballo non poidamos vivir con dignidade. Non valen lamentos nin desmobilizacións. Sabemos que un sector da poboación é tolerante coa corrupción, co sufrimento dos demais. Pero tamén sabemos que hai unha maioría social do cambio que non pode quedar na casa. Non quero un só lamento do día seguinte. Que non nos escriban a Historia, debemos escribila nós a partir do 25S. A súa corupción ten un custe para todos e todas que estamos pagando agora. O cambio do que está acontencendo no Estado comezou aquí e se algún sitio ten que chegar é aquí. Temos un presidente que deixou a súa comodidade para acabar con todo iso. Hai Marea alta e imolos botar”, rematou Noriega.

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, dixo que A Coruña é unha das cidades nas que hai un ano empezamos a abanear a árbore das mazás podres. “Chegamos para ser a voz dos que non a teñen. O que nos trae hoxe aquí é a representación de todos os que sufriron a represión. Hoxe nos medios Feijóo trae a pantasma do medo. Di que nós romperemos a convivencia, a que teñen cos narcotraficantes, cos consellos de adminstración que precarizan as nosas vidas a través de políticas de rapiña e de recurte de salarios. É posible crear renda social, remunicipalizar servizos, preocuparnos polos problemas da xente. Facer política para conseguir a felicidade da xente do común. O que para outros é o caos, para nós é xustiza social. En Marea chegou para quedarse. E para que non volvan tocar as institucións os corruptos amigos de Marcial Dorado, de Florentino Pérez e das multinacionais.”

Antón Sánchez, cabeza de lista pola provincia da Coruña, comezou dicindo que no PP “queren que esquezamos o sufrimento dos últimos anos. En 8 anos nunca se incumpriron os obxectivos de deficit, nin cando morrían os enfermos da hepatite C. Pero nós sabemos o que fixestes os últimos anos. Baixasteslles os salarios da maioría para conservar os privilexios dun poucos.”. En sucesivas alusións directas ao Partido Popular, Sánchez, acusou a Feijóo de “regalar o noso vento, os nosos ríos, o noso territorio. As verdadeiras conexións venezolanas é o regalo das caixas. Non esquecemos os gandeiros que cumpriron cos seus deberes, aos que deixaron na estacada.  E porque non  esquecemos imos gañar. NOn queremos aceptar a precariedade e a angustia. Hoxe temos a proba de que si se poden mudar as cousas e se pode derrotar a dereita. Barcelona En Comú, Marea Atlántica, Compostela Aberta, Ferrol en Común son a proba de que si se pode. Enfrentámonos a un sistema que precisa o sufrimento duns para manter os privilexios doutros. Aquí e en Siria. O noso traballo é gañar o 25 de setembro. NOn só cambiar de inguilinos as institucións»

A n.2 pola Coruña, Luca Chao, comezou agradecendolle a Ada Colau e aos alcaldes do cambio por “facernos ver que se podía facer posible o imposible”. Chao tamén lle agradeceu a Luís a súa xenerosidade por encabezar un proxecto. “Estamos diante dun momento histórico, no que se xoga o futuro deste  país. Este momento leva consigo unha responsabilidade enorme. Debemos estar á altura de todas as persoas que nos precederon, pelexando por facer deste un país xusto. Nesta carreira de relevos collemos a testemuña coa certeza de que desta vez a carreira podemos gañala. Tede o noso firme compromiso de que a partir do 25 de setembro as voces que se van escoitar en San Caetano son as vosas. As que dicides Nunca Máis aos gobernos que non miran pola súa xente.


En Marea /