Pablo Iglesias arroupa na Coruña á candidatura de En Marea
O Paraninfo da Universidade da Coruña quedou pequeno este martes para acoller o encontro coa cidadanía de En Marea no que o candidato á presidencia da Xunta de Galicia, Luís Villares, asegurou que “é o momento do compromiso de que ninguén quede na casa, d non se render e dar pasos cara adiante para o vindeiro domingo que a maioría social se mobilice e faga historia“. “Está todo o país mirando para nós, todo o Estado, está incluso a Troika parada mirando cara nós. Imos a acabar coas políticas do sufrimento, é posible mudar a política tamén de Europa. E será posible porque Hai Marea!“ confirmou Luís Villares.
Na súa intervención Villares cuestionou que sexa precisamente o PP e “Atila Núñez Feijóo o que diga que hai un feudalismo de esquerda, precisamente eles que defenden o dereito de pernada na Deputación de Ourense ao manter a un acosador como Baltar no seu cargo“. O candidato de En Marea referiuse tamén as declaracións do candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo nas que dicía que a corrupción costoulle 3 millóns de votos por actuar tarde, “iso é o único que lle importa a Feijóo da corrupción, a nós preocúpannos o custo de 2.200 millóns de euros públicos so en Galicia roubados a todos os galegos e galegas “.
“Os recortes son evidentes, tanto que tiveron que agochar o logo do PP, as siglas e ata o lema. O lema completo era: En Madrid non me queren a ver se en Galicia si“ chanceou Villares. “En Marea apelamos ao 100 por cen dos galegos que non queren corrupción, nos apostamos polo cento por cento, eles apelan so ao 70 por cento indecisos segundo declaraba esta mesma semana o tándem Feijóo-Rajoy“ dixo Villares.
O candidato á presidencia de En Marea salientou a primeira medida que impulsará o goberno de En Marea no primeiro Consello de Goberno que será a aprobación dunha Lei de Garantía Sociais mínimas para que ninguén quede sen casa, que ninguén quede sen ter comer, e que ninguén quede sen enerxía nas súas casas por non poder pagar o recibo. “E preguntan de onde o sacaremos pois en primeiro lugar como non imos roubar xa vai haber moito máis xa para empezar. En segundo lugar imos facer que devolvan ata o último euro roubado, colaboraremos coa xustiza para que sexan xulgados e cumpran prisión, e en terceiro lugar cunha reforma fiscal xusta“ explicou Villares.
Un pais xusto non malvende a sanidade pública e os servizos públicos. “O mantra do PP estes anos era dicir que o Estado era o peor xestor pero non é así, a realidade é que a Xunta é a peor xestora, Feijóo é o peor xestor e por iso hai que privatizar. Recuperando para o público recuperamos máis recursos públicos e incrementamos a calidade“ defendeu o candidato de En Marea á presidencia da Xunta. Así mesmo, anunciou a paralización inmediata do calendario da LOMCE e a paralización do peche de escolas no rural como primeiras medidas do goberno galego de En Marea.
Luís Villares concluíu asegurando que “o vindeiro domingo so poderemos elixir entre dúas opcións: un proxecto caduco, de miseria, de recortes, de corrupción do Partido Popular, e un proxecto de dignidade, de esperanza, de igualdade, de xustiza de En Marea“.
O portavoz de Podemos no Congreso, Pablo Iglesias, arrancou recoñecendo que non foi doado chegar á unidade e demostrar que camiñando xuntos chegaremos máis lonxe pero se conseguiu e os gobernos como o da Coruña encarnan o mellor do espírito das Mareas “son a demostración de que non so podemos gañar senón que alí onde gobernamos o facemos mellor“.
Iglesias referiuse á situación do Estado asegurando que non é verdade que “o problema fundamental de España é que non hai goberno, e pouco a pouco foron mudando ata dicir que o problema é que o PP non pode gobernar cando o problema real de España é a desigualdade, a precariedade laboral, que os mozos teñan que marchar, que non se podan ter condicións de vida digna, o nivel intolerable de corrupción“.
“A política converteuse nunha cuestión de ton. Subirte ao iate dun narcotraficante pero o fas con bo ton, non é o mesmo. Non debe ser o mesmo que desafiucen a unha familia pero co bo ton, que deixen aos enfermos de hepatite sen medicamento pero co bo ton. Nós non compartimos esta idea. A política é dicir con quen estás, cando dicimos que os corruptos teñen que estar na cárcere estamos a dicir de que lado estamos. É imposible ser decente en política sen dar medo aos sen vergonzas que están acostumados a gobernar de xeito corrupto. Cando se asume estar coa xente normal hai que asumir tamén que os poderosos te van a sinalar. Merecer el odio de los que envelenan ao pobo será a maior das nosas honras“ declarou Pablo Iglesias.
Nun momento de dúbidas no Estado, Pablo Iglesias salientou que o feito de que “non hai ninguén que dubide con nós, ninguén dubida que nós non imos pactar nin gobernar co PP“. E por este motivo asegurou todos en Galicia saben que a alternativa é En Marea porque doutro lado está un PP que di “é verdade que somos moi de dereitas, moi corruptos, pero sabemos gobernar e é mentira. Triplicouse a débeda, non so e amigo de narcotraficantes, non só ten no seu partido de corrupción, senón que son malos xestores. Non son só corruptos, son ineficientes. E os concellos do cambio son a proba de que se pode xestionar mellor“ asegurou Iglesias.
“Galicia non merece a Feijoo nin o PP, merece un goberno decente. O vindeiro domingo elíxese entre un goberno do PP e un presidente dos galegos e das galegas, disposto a dar a cara pola xente e non seguir a gobernar polos intereses dos poderosos e do seu partido. Non o somos coma eles e non o imos ser nunca“ pechou o líder de Podemos a súa intervención na Coruña.
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, lembrou o 13 de xuño no que a praza de María Pita encheuse para investir ao primeiro alcalde das Mareas, e a primeira vez que a xente tomou a palabra no pleno do Concello e volveu ao lugar onde lle correspondía, co escano para a cidadanía. Ou o día no que unha “praza de nome infame pasou a se chamar praza das Atochas“. Ou cando se puideron parar os primeiros desafiuzamentos e puidemos realoxar a estas familias. Ou cando os veciños e veciñas da Coruña se achegan ao Concello e falan directamente co seu Concello e o seu alcalde. Momentos todos eles nos que o alcalde da Coruña asegurou “nos emocionamos“. Unha emoción que se volverá a vivir este domingo, “porque imos a gañar nós, porque ides gobernar vós, vai ser un día alegre para Galicia“.
“Non todos somos iguais, eles son partido da corrupción e nós da transparencia. Nós non temos os mesmos amigos narcotraficantes nin no consello de administración das multinacionais, os nosos amigos están no comité de empresa de Alcoa, de Extel, nós non escondemos a nosa marca como o PP, estamos orgullosos da nosa marca o fixemos nos coas nosas mans“ afirmou Ferreiro.
O alcalde herculino referiuse tamén as enquisas asegurando que se fora por elas el “non sería alcalde da Coruña, Antón non sería o pesadelo de Feijóo no Parlamento, e Ada Colau non sería alcaldesa de Barcelona e por iso estamos seguros de que Luís ten que ir xa preparando os seus bártulos para ir a San Caetano e ao Hórreo“. “Temos a responsabilidade de lembrarlle a xente que non estamos sos que somos moitos e o vindeiro domingo cruzaremos miradas cómplices e colleremos a mesma papeleta e encheremos as urnas de papeletas de En Marea, porque tamén gañando estamos xuntos“ concluíu Ferreiro.
O cabeza de lista de En Marea pola Coruña, Antón Sánchez, arrancou contestando as afirmacións de Rajoy onte en Betanzos e Pontedeume nas que dicía que do PP que “no somos una pandilla que se ha juntado hace 15 minutos“. Sánchez respondeu: “Sabémolo, sodes a mafia de sempre“. “Nós non levamos un carto de hora, levamos anos xa cando Feijóo andaba paseando en iate cun narcotraficante, xa xente de En Marea estaba loitando polo noso país. Non nós tome por parvos, todos sabiamos que era narcotraficante, vostede tamén o sabía, aínda nos debe unha explicación. Levamos anos na rúa, pelexando pola xente e coa xente“ salientou o cabeza de lista pola Coruña.
Sánchez fixo un chamamento á cidadanía para que pese a que “os domingos non son laborables, este domingo temos un traballo que facer. Lembrade o conto aquel de esta por mamá, esta por papá, pero nesta ocasión será este voto para En Marea por Barberá, este por Rato, este por Soria..“ O cabeza de lista pola Coruña denunciou a estabilidade que ofrece o PP que “é o paro a precariedade, hai algo máis contrario á estabilidade que botar a unha familia a rúa mentres se rescata con cartos públicos os bancos e os seus activos tóxicos“. “O problema non son os activos tóxicos o problema e que os tóxicos andan moi activos“ afirmou.
“O noso reto é facernos co noso país, e a Feijóo imos aplicarlle a lexislación nórdica, catro anos de paternidade“ concluíu Antón Sánchez.
A número 2 de En Marea pola Coruña, Luca Chao, comezou comentando que “hai so nove meses eu mesma estaba facendo colas en económicas por escoitar a Pablo, hoxe estou do outro lado e penso é incrible pero si a xente do común podía estar doutro lado“. “Hai dous tipos de persoas as que esperan que as cousas sucedan e os que fan que as cousas pasen, dese segundo grupo está En Marea“ asegurou Chao. “Sóbranos os motivos de rabia e indignación. Deixan un país máis pequen, máis pobre e máis desigual. Temos unha ocasión histórica na nosa man, temos a posibilidade certa de devolver á esperanza a maioría social“ concluíu.