Esquerda Unida celebra este 25 de Xullo os 40 anos da constitución dos primeiros concellos democráticos, en Mugardos
A celebración do 25 de Xullo terá lugar en Mugardos, a partir das 12.30 horas, e comezará cun acto político no que intervirá a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, e o secretario de Organización de Esquerda Unida, Rubén Pérez, nun acto no que tamén contaremos coa presenza da alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, entre outros. Despois do acto político, celebraremos un xantar lúdico e popular para compartir un día de festa e reivindicación.
Compostela, 22 de xullo de 2019. Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida vén de presentar en rolda de prensa o acto de Esquerda Unida para o vindeiro 25 de Xullo en Mugardos e que leva por título: “Un fío vermello para tecer alternativa de país”. “Fai dous anos comezamos a celebrar en Mugardos esta data poñendo o aceno na importancia das alcaldías democráticas, homenaxeando a Juan Prieto Balsa, último alcalde republicano asasinado pola ditadura franquista. Hoxe volvemos, seguindo ese fío vermello, a celebrar a constitución dos 40 anos dos primeiros concellos democráticos coa alcaldía comunista de 1979 na man de Ángel Cortizas”, explica a coordinadora nacional de Esquerda Unida.
Solla sinalou que a importancia de ter en conta “ese fío vermello que nos leva de onte a hoxe transitando polos concellos republicanos co obxectivo de mellorar as condicións de vida da clase traballadora galega que conta con moitas deficiencias onte e hoxe”. “Dez anos despois de políticas de dereitas acumulamos 620 mil persoas en situación de risco de pobreza e exclusión social, sufrimos dunha precariedade inaudita nos servizos públicos e vemos como a falta de políticas económicas fai que moita xente asuma traballos precarios”, dixo.
Respecto a precariedade, Solla citou “un dato moi importante de CCOO: no noso país hai 216 mil horas extras non pagadas e, ese elemento de precariedade, traslada a relevancia de defender que se melloren as condicións laborais do noso país. Ese é o fío vermello que asumimos e recollemos de todas as loitas que se dan dende o local para defender os dereitos da veciñanza”. E esa é a idea que trasladará en Mugardos, xunto á que vimos “dunha bagaxe política de lonxe e que hoxe poñemos ao servizo da cidadanía para dar unha alternativa ás políticas de dereita”.
A celebración do 25 de Xullo terá lugar en Mugardos, a partir das 12.30 horas, e comezará cun acto político no que intervirá a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, e o secretario de Organización de Esquerda Unida, Rubén Pérez, nun acto no que tamén contaremos coa presenza da alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, entre outros. Despois do acto político, celebraremos un xantar lúdico e popular para compartir un día de festa e reivindicación coas compañeiras e compañeiros.
Na rolda de prensa, Eva Solla fixo fincapé no feminicidio que tivo lugar en Vilalba e falou da importancia de “facer unha seria reflexión sobre por que continúa esta sangría de mulleres asasinadas, maltratadas e vexadas”, así como a necesidade de “ter máis compromiso por parte das administracións á hora de frear o machismo e levar a cabo políticas de educación en valores”. Ás portas dun novo aniversario de Angrois, Solla remarcou que “Esquerda Unida continúa a apoiar as vítimas que reclaman unha investigación independente á vez que as distintas administracións non se interesaron por que existise xustiza e reparación tanto para as vítimas como para as súas familias”.