Creative Commons •  Redacción •  Galicia •  02/09/2019

Amigos da Terra pon en marcha o proxecto “Cultivo biointensivo de alimentos: método agroecolóxico innovador para a adaptación ao cambio climático de hortas familiares e comunitarias”.

O proxecto, que conta co apoio do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da Fundación Biodiversidade, analizará a posta en práctica do método biointensivo de produción agroecolóxica con 54 produtoras de Galicia, Aragón, Ibiza, Mallorca e Madrid, mediante a análise da mellora da calidade e resiliencia do solo das hortas das persoas participantes.

Amigos da Terra pon en marcha o proxecto “Cultivo biointensivo de alimentos: método agroecolóxico innovador para a adaptación ao cambio climático de hortas familiares e comunitarias”.
Método Biointensivo de Cultivo de Alimentos
 
O método biointensivo é unha técnica de cultivo agroecolóxico que permite o máximo aproveitamento dos recursos naturais, terra, auga, sol, abonos naturais… Este método combina a produción de alimentos coa rexeneración do chan, grazas á variedade, rotación e asociación de cultivos, e ao uso de compost producido na propia horta.
 
A técnica realízase a man con ferramentas sinxelas como a pa, o bieldo e o anciño, e consiste en varios principios que poden ser adaptados a calquera clima.
 
Cun 70% dos chans españois en risco de desertificación severa pola combinación de usos agrícolas intensivos e polos efectos do cambio climático, o método de cultivo biointensivo convértese nun aliado indispensable na adaptación ao cambio climático, xa que permite diminuír o uso de auga e de achegas externas, incrementar os rendementos por superficie de cultivo e reconstruír e mellorar a fertilidade do chan.
 
Proxecto “Cultivo Biointensivo de Alimentos”
 
Para conseguir a participación das 54 produtoras faranse 2 cursos, de tres días de duración, en cada rexión participante, coas que se busca capacitar a máis de 130 persoas.
 
As persoas seleccionadas para participar no proxecto recibirán material específico sobre o método biointensivo así como acompañamento e formación complementaria. Tamén se farán analíticas dos solos antes de aplicar o método e despois de 2-3 ciclos de cultivo, co obxectivo de comprobar a mellora na fertilidade e na resiliencia do solo fronte ao cambio climático.
 
O método brinda unha solución á seguridade alimentaria familiar fronte aos grandes problemas que ameazan aos pobos de todo o mundo: a contaminación e destrución do medio ambiente, o esgotamento dos recursos naturais e o cambio climático. Con esta énfase, o método desenvolveuse para poder cultivar todos os alimentos para unha dieta completa e nutritiva no espazo máis reducido posible. 

Amigos da Terra /