Esquerda Unida súmase á alianza mundial pola declaración da Emerxencia Climática no Planeta
“Realizar campañas informativas e de sensibilización sobre a realidade da emerxencia climática, promover o uso do transporte público e a mobilidade non contaminante e fomentar a alimentación con produtos frescos e de proximidade xunto co consumo responsable son algunhas das medidas necesarias que deberíamos impulsar”, enumera Guillermo Crego.
Neste vindeiro 27 de setembro, dende os colectivos ecoloxistas, con gran representación da nosa mocidade, faremos a primeira folga mundial polo clima. Esquerda Unida súmase e chama a participar tendo moi presente que o noso planeta está en risco e, aínda que o proceso é irreversible, estamos a tempo de que non sexa devastador se actuamos de forma urxente. “O sistema produtivo da economía capitalista non é compatible co mantemento da biodiversidade do noso planeta e o modelo de consumo actúa perniciosamente contra o clima, afectando negativamente aos ecosistemas”, di o responsable de Estratexias para o Conflito de Esquerda Unida, Guillermo Crego.
Segundo explica Crego, “é imprescindible asumir que sen un cambio radical do modelo económico e, por tanto, das nosas relacións e da nosa forma de vida, é imposible atallar a emerxencia climática”. Para o responsable de Estratexias para o Conflito de Esquerda Unida, “non é suficiente con o reducir consumo, mais ben é imprescindible repensar o modelo, producir o que se precisa e recuperar empregos vinculados ao sostemento humano e a produción local”.
Resulta totalmente urxente responder á crise ambiental e, dende Esquerda Unida, temos claro que o urxente é declarar a Emerxencia Climática, o que implica asumir o cumprimento de compromisos políticos reais e vinculantes, cunha asignación de recursos suficientes para facer fronte a esta crise. Os diferentes gobernos e administracións teñen que comprometerse a levar unha folla de ruta capaz de garantir as reducións dos gases de efecto invernadoiro, apostar polas enerxías renovables e reducir as emisións de carbono.
“Realizar campañas informativas e de sensibilización sobre a realidade da emerxencia climática, promover o uso do transporte colectivo e público e a mobilidade non contaminante e fomentar a alimentación con produtos frescos e de proximidade quilómetro cero xunto co consumo responsable son algunhas das medidas necesarias que deberíamos impulsar”, enumera Guillermo Crego, que reitera a necesidade de que as institucións, de maneira planificada, se involucren con medidas reais para abordar esta situación de extrema gravidade.
Dende Esquerda Unida reitera que ante o reto que supón o colapso climático temos que mobilizarnos e construír alternativas que repartan o dispoñible e aseguren ás persoas ter unha vida digna. “Por iso dicimos que o capitalismo non é verde e que, dentro deste modelo, que se sustenta nun proceso de acumulación ilimitada, non atoparemos ningunha solución ou resposta ás necesidades que ten o noso planeta”, remata Crego.