Antón Sánchez: “Os traballadores queren un presidente da Xunta que exerza e non un militante do PP”
O voceiro do Grupo Común da Esquerda e portavoz nacional de Anova Antón Sánchez criticou a neglixencia de Feijóo ante a crise industrial e o mapa negro de conflitos laborais que se estende por Galicia.
Sánchez afirmou este mércores na sesión de control ao Goberno que “os traballadores queren un presidente que exerza e non un militante do PP”, criticando desta maneira a neglixencia de Feijóo ante a crise industrial e o mapa negro de conflitos laborais que se estende por Galicia. Sánchez citou as situacións que se viven en R, Isowat, Poligal, Ferroatlántica, as auxiliares de Navantia e Barreras, Meirama ou As Pontes, para ilustrar como se multiplican os casos de ameaza de destrución de emprego na industria galega, nos que “Feijóo non aporta solucións porque é parte do problema”.
Sánchez sinalou que a resposta do presidente da Xunta ante estes conflitos é “desviar a atención, escorrer o vulto e botarlle a culpa a todos con tal de non asumir a súa responsabilidade como presidente de Galicia. O seu goberno é inútil para darlles solución. Todos eles sofren o seu desgoberno”. Así, lembrou que “na súa década negra destruíu 22.000 empregos industriais, 1 de cada 3 empregos do sector destruídos no Estado levan a marca Feijóo”.
Deste xeito, Antón Sánchez preguntoulle ao presidente “que lles pode dicir aos traballadores de R, empresa cimentada con cartos públicos galegos e vendida a Euskaltel por Abanca para facer caixa? Que lles pode dicir aos de Isowat, na que remata o ERTE e se ninguén o remedia irán para a rúa? Que pode dicir cando Castela e León chegou a un acordo co inversor e con Abanca para a planta de Medina del Campo e a Xunta foi incapaz de facer o mesmo coa da Coruña? Que pode dicir de Barreras? Non eran Pemex e o seu socio García Costas a solución estratéxica para o naval galego? Foi, como mínimo, moi pouco prudente anunciando aos catro ventos solucións que nunca chegaron. Agora a foto que queda é da súa relación coa corrupción mexicana e a súa aposta por un nefasto xestor como García Costas, destacado militante do PP. Se aquel éxito era seu, o fracaso agora de quen é? Ese non ten pai?”
Por outra banda, o voceiro do Grupo Común da Esquerda, referiuse á xestión das centrais térmicas, cualificándoa como “neglixente, a súa e a do goberno do Estado”. Para Sánchez “nun contexto de descarbonización, con acordos ben concretos a nivel mundial, tiñan a obriga de ter un plan de transición con calendario e recursos para que dita transición se fixese sen damnificar os traballadores, que son os que pagan o pato. Non será Endesa a prexudicada pola súa neglixencia 30 anos despois de facer un enorme negocio a costa dos nosos recursos, dos impactos ambientais e do traballo das galegas e galegos. Os prexudicados serán os traballadores das Pontes e Ferrolterra, que pagan unha vez máis pola súa incompetencia”. Así, nesta materia concluíu que “o seu negacionismo trumpista é unha lousa para aportar solucións. Nin vale para a loita contra o cambio climático nin para dar solucións aos traballadores”.
Xa na quenda de réplica, Sánchez considerou que a resposta de Feijóo “é un mostra máis do cinismo co que opera. Rebaixa as institucións galegas ao non exercer a soberanía que nos outorga o Estatuto, converte a Xunta en algo inútil para todos os traballadores destas empresas e bota a culpa a quen faga falta con tal de non asumir responsabilidades”. Así, incidiu en que “se vostede se colgou medallas e fixo as fotos para facer anuncios electoralistas, agora asuma o seu fiasco, que deixa na rúa 800 persoas en Barreras. Os traballadores e traballadoras queren un presidente que exerza e non un que bote balóns fóra”.
Para concluír, con respecto á transición enerxética que se necesita en As Pontes ou Meirama, “a resposta é se a pilota o público para que a xente non saia damnificada, ou a pilotan Endesa, Iberdrola e Naturgy saíndo a xente damnificada despois de facer millóns e millóns cos priviliexios que o seu partido lles outorgou no mercado eléctrico. Vostedes sempre van a rebufo do que mandan as empresas do oligopolio”.