Esquerda Unida esixe á Xunta e ao Concello de Cambre que non deixe á veciñanza máis vulnerable sen vivenda á favor dun fondo voitre
Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia; Olga Santos, concelleira de Esquerda Unida de Cambre e Loreto Taibo, coordinadora de EU Cambre, deron declaracións esta mañá diante do Edificio da Patiña para esixir que Xunta e Concello cumpran coas medidas aprobadas para garantir o acceso á vivenda da veciñanza máis vulnerable.
“Esta cuestión que vive a veciñanza de Cambre é o paradigma da política de vivenda que está a vivir o noso país. En Galicia temos 300.000 vivendas baleiras e moitas persoas teñen problemas para pagar un alugueiro e chegar a fin de mes. Mentres, a Xunta e as administracións públicas deciden abandonar ás familias e non dar solucións nin axudas públicas. Moitos cartos empregados en vivendas de protección oficial derivaron en fondos voitres, como Cerverus, un fondo que especula”, sinala Eva Solla.
A coordinadora nacional de Esquerda Unida apunta que “non se pode deixar á xente á súa sorte, hai que abordar cada caso de maneira particular, xa que son persoas que viven nunha VPO, polo que habería que analizar cada caso. Dende o Parlamento de Galicia esixiremos á Xunta que se comprometa coas familias para que poidan vivir nos seus fogares”, incide.
“A veciñanza da Patiña comezou a recibir as primeiras comunicacións de subas de aluguer abusivas. Ao comezo, estas vivendas eran de protección oficial e estaba habitado por persoas vulnerables, que están a vivir aquí. Por iso, estamos ante unha situación gravísima que debe atopar resposta por parte das administracións”, conta Olga Santos. “O problema na Patiña é un claro exemplo de deixadez por parte das administracións, tanto do Concello como da Xunta. A impasividade das administracións neste asunto é absoluta, xa que a Xunta mantiña que a calificación de VPO deste edificio sería de 20 anos e logo tería que estudar que pasa coa xente á que lle sube o alugueiro un 50%. No que compete ao Concello de Cambre, pedimos solucións habitacionais nun asunto de máxima emerxencia sen obter resposta”, dixo.
Segundo sinalou Loreto Taibo, “a vivenda en España sempre foi usada de forma especulativa, ao contrario do que di o artigo 47, que fala de garantir a vivenda. “Nós, dende Esquerda Unida, exiximos ás administracións que teñen competencia que defendan ás familias da especulación dos fondos voitre que as expulsan das súas casas”, dixo.
“Dende Esquerda Unida presentaremos novamente iniciativas para instar ás diferentes administracións a levar a cabo accións urxentes no ámbito das súas competencias, coa fin de garantir un dereito básico como é o acceso a unha vivenda digna”, remata Taibo.