Antón Gómez-Reino: “Estamos en contra dos centros de internamento de estranxeiros porque ningunha persoa é ilegal”
Preséntase unha iniciativa no Congreso para esixir o peche destes recintos ao considerar que vulneran os dereitos fundamentais das persoas.
O grupo parlamentario confederal Unidos Podemos – En Comú Podem – En Marea presentou este venres unha batería de iniciativas parlamentarias para solicitar o peche dos centros de internamento de estranxeiros, por unha banda, e para esixir a comparencia no Congreso dos Deputados dos responsables institucionais para expliquen na Cámara Baixa o sucedido esta semana no CIE de Aluche en Madrid, pola outra.
A senadora, Vanessa Angustia, e o deputado Antón Gómez-Reino de En Marea estiveron en Aluche esta semana para saber o que alí estaba a sucender e para coñecer de preto a situación que se está a vivir alí. Despois desta visita, Antón Gómez-Reino sinalou que é urxente denunciar e poñer en mans dun xuiz os feitos ocorridos, xa que “todo indica que os internos sufriron agresións por parte das autoridades do centro”.
Gómez-Reino manifestou que todo indica que o Goberno en funcións vai continuar co proceso de expulsión destas persoas , polo que é necesario e urxente paralizar desde o Parlamento as intencións do executivo en funcións, xa que “consideramos que ningunha persoa é ilegal”.
Finalmente, o deputado de En Marea sinalou que é preciso o peche de todos os centros de internamento de estranxeiros, xa que “son espacios dalgunha forma oscuros e onde se vulneran os dereitos fundamentais”. De feito, segue Antón Gómez-Reino, “a existencia dos CIE causa un grave prexuizo á convivencia criminalizando a persoas chegadas doutros países que teñen como única falta non ter os papeis en regra”. Así, sentencia do deputado de En Marea, “o que se está a fomentar desde as institucións públicas é o racismo e a xenofobia facendo máis difícil o traballo de tantas outras institucións e organizacións sociais na que levamos anos militando, e que tratan de combatir no noso país a intolerancia”.