As candidatas e candidatos de En Marea votan con ilusión polo cambio
Ao longo da mañá as candidatas e candidatos de En Marea exerceron o seu dereito a voto nos seus respectivos colexios electorais.
O máis madrugador foi o candidato ao Senado, José G. Buitrón que votou no Centro Cívico de Eirís, ás 10h da mañá. Pouco máis tarde, ás 11h votou o cabeza de lista da provincia, Antón Gómez-Reino, que en declaracións a medios no Centro Cívico da Cidade Vella na Coruña dixo “que hoxe é o día que levabamos agardando moito tempo. Queremos chamar a que a xente vai votar porque pode ser o momento no que todos os cambios que se van dando nas nosas cidades cheguen tamén ao Estado. Nese sentido chamamos a xente a votar, a construír entre todos e todas unha sociedade mellor, con ilusión, con alegría e con esperanza de que pases o que pase faremos entre todos unha sociedade máis xusta”. E engadiu que o resto da xornada estará coa familia e acompañando os amigos e amigas polos colexios electorais.
Tamén ás 11h votou na Escola Unitaria de Velle, acompañado da súa familia, o cabeza de lista por Ourense, David Bruzos, que animou á participación “nun día moi importante para o futuro de todos e todas”. Ángela Rodríguez, a nº2 ao Congreso fixo o propio, tamén ás 11h no colexio do CEIP Froebel, na Praza de Concepción Arenal de Pontevedra. “Temblábanme as mans depositando o voto porque temos a sensación que desta vai, que estamos nun cambio de ciclo histórico e estamos votando cunha ilusión que eu non recordo noutras ocasións porque estamos rozando coa punta dos dedos o goberno de cambio”. E engadiu que “espero que a participación sexa alta, aínda que é complicado nun día de bo tempo, pero agardo que a situación política sexa suficiente motivo para ir votar”.
Tamén en Pontevedra, pero no colexio electoral do CEIP Campolongo, votou a media mañá a candidata ao Senado, Vanessa Angustia. A cabeza de lista por Pontevedra, Alexandra Fernández, votou ás 12h no Local de Veciños de Coia, onde declarou que “Todos e todas sabemos que estamos perante un momento histórico, un momento decisivo. Temos unha segunda oportunidae. Nas anteriores elecións do 20-D xa conseguimos dar un avanzo no cambio, pero temos que rematar hoxe ese traballo. É un momento histórico porque temos a oportunidade de rematar coas políticas do PP”. E apelou a vir “votar con memoria e lembrar as políticas que levamos sufrindo estos catro anos, as políticas de recortes, de privatizacións, as políticas de empeoramento da calidade do emprego”. Instou a “dar un voto de futuro pensando no pasado estes últimos catro anos. Pensemos tamén que o futuro ten outras caras, que hai alternativas á grande coalición”, en referencia clara á En Marea.
Á mesma hora votaba no IES Canido de Ferrol Yolanda Díaz que dixo “saimos a votar con moitisima ilusión porque estamos a facer un novo tempo político, é un momento histórico, é a primeira vez que podemos cambiar as cousas de base, temos que pedirlle a todas e a todos que hoxe saiamos a votar, aos novos que onte sairon de copas, aos avós, aos pais e nais, porque se todas e todos xuntas imos votar claro que será posible , estamos a piques de cambiar a un novo tempo histórico, así que votade co corazón, temos que ser corresponsales na historia, é posible gañar aos que gobernan sen presentarse as eleccións, aos mercados, aos que causan pobreza e destrucción, ¡sí é posible, ide votar!”
Miguel Anxo Fernán Vello, cabeza de lista por Lugo, que xa exerceu o seu dereito a voto por correo hai uns días, destacou na súa visita ao Colexio Electoral da Delegación de Facenda de Lugo, a dobre dimensión da importancia de votar nun día coma o de hoxe, “tanto pola afirmación individual de cada un de nós que decidimos sobre nós mesmos, como polo acto colectivo pois supón unha decisión trascendental para o futuro do conxunto da sociedade.”