AGE •  Redacción •  Galicia •  29/06/2016

O PP impide que estudantes universitarios deixen de pagar en Galicia por un servizo que non reciben

O deputado de Alternativa Galega de Esquerda Ramón Vázquez acusa ao partido de Feijóo de “non se preocupar dos problemas da xente e só de se manter na ‘poltrona”.

O PP impide que estudantes universitarios deixen de pagar en Galicia por un servizo que non reciben
Nin sequera un problema concreto, que o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Ramón Vázquez definiu como “que aos alumnos e ás alumnas universitarios non se lles cobre por un servizo que non reciben”, serviu para que o Partido Popular mudase a súa política de destrución do ensino público e promoción da desigualdade social. “Vostedes non se preocupan dos problemas da xente”, afeoulle Vázquez aos deputados da dereita, “vostedes só se preocupan dos votos e de se manter na ‘poltrona”.
 
O deputado de Alternativa defendía no pleno parlamentario unha proposición non de lei –pnl, no documento anexo- para que o Goberno galego “aplicase unha tarifa reducida a todos e os estudantes universitarios sen dereito a docencia procedentes das antigas licenciaturas e dos novos graos”. O obxectivo da iniciativa era, daquela, “que non rouben” ao estudantado. “Solicitamos medidas de reequilibrio e equidade nas matrículas”, explicou Vázquez, “nun intre en que as familias, malia o relato da recuperación do PP, teñen dificultades para pagaren os estudos das fillas e fillos”.
 
A problemática, derivada da aplicación do denominado Espazo Europeo de Educación Superior, afecta só na Universidade de Vigo a máis dun milleiro de estudantes que cursan plans de graos a extinguir e que “se ven obrigados a pagar os mesmos prezos que o resto de estudantes sen ter todo o dereito a docencia, avaliación continua ou titorías”. “O único que pretendemos é introducir un mecanismo de proporcionalidade, equidade e xustiza”, engadiu Ramón Vázquez.
 
Aínda que os demais grupos da oposición votaron a prol da proposición non de lei de Alternativa Galega de Esquerda, o PP rexeitouna.

AGE /  Alternativa Galega de Esquerda /  Consellería de Educación /  Partido Popular /  PP /  Xunta de Galicia /