Tres días de folga por un convenio digno no metal pontevedrés ante as propostas “insultantes” da patronal
Terán lugar o 15, 20 e 22 de xuño; pero antes, este venres día 9 haberá unha concentración diante da sede de Asime en Vigo ás 11:00 horas.
As centrais CIG, CCOO e UGT anunciaron hoxe a convocatoria de tres xornadas de folga no sector do metal da provincial de Pontevedra ante as propostas de convenio “insultantes” achegadas pola empresariado nas últimas xuntanzas. Os paros terán lugar os vindeiros días 15, 20 e 22 de xuño, pero antes, este venres día 9, os tres sindicatos desenvolverán unha concentración diante da sede da patronal Asime en Vigo ás 11.00 horas.
Responsábeis das federacións de Industria dos tres sindicatos en Vigo compareceron hoxe en rolda de prensa para explicar que tras nove xuntanzas coa patronal “non hai ningún avance” que permita vislumbrar a posibilidade de chegar a un acordo sobre o convenio antes do verán. Culparon disto ás propostas “irrisorias” achegadas polo empresariado, unhas propostas “insultantes” que “raian a provocación”.
As tres centrais censuran que se siga a insistir nun incremento salarial “ridículo” dun 0,5%, 2% e 2% para cada un dos tres anos de vixencia do convenio, sen cláusula de revisión. Mais tamén que se pretenda introducir as ETT no sector, reducir os tres días por nacemento de crianzas, conxelar os valores dos desprazamentos, limitar as vacacións e non aplicarlle ao grupo 1 a suba de soldos que se pacte.
Diante disto, o secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, indicou que “apostamos por adaptar o convenio aos novos tempos, seguindo na liña que se marcou na Coruña, Ourense e Lugo. Isto pasaría por acordar unha serie de medidas que consideramos totalmente asumíbeis, como son introducir unha cláusula de revisión salarial conforme ao IPC; garantir a subrogación do persoal entre empresas privadas; reducir a xornada laboral anual en 24 horas, xa que é unha das máis altas de Galiza; diferenciar as distintas categorías laborais; regular as gardas de traballo; e mellorar as licenzas”.
Os tres sindicatos consideran que se a patronal asume estas propostas a posibilidade de acordo “daría un salto cara a adiante”, pero lamentan o “inmobilismo” do empresariado e a súa “incapacidade” de chegar a calquera tipo de pacto. “A patronal sabe que non imos permitir o seu ritmo de negociación, sen avances e con xuntanzas de recheo para dilatar o acordo. Temos que chegar a un acordo antes do verán, porque a situación dos traballadores/as é moi dura, tras varios anos co IPC disparado”, rematan.
En consecuencia, agardan que a mobilización do venres e as tres xornadas de folga convocadas na segunda quincena de xuño fagan “reflexionar” os responsábeis de Asima, ATRA e Instalectra “e se senten dunha vez por todas coa vontade de chegar a un acordo que dignifique as condicións laborais dos arredor de 30.000 traballadores/as do sector na provincia”.