Redacción •  Galicia •  10/06/2023

España é condenada por vulnerar os dereitos do sindicalista que clamou contra “o silencio da puta bandeira” nunha protesta laboral

  • O Tribunal de Estrasburgo declara que o Estado español violou o dereito de liberdade de expresión de Pablo Fragoso.
España é condenada por vulnerar os dereitos do sindicalista que clamou contra “o silencio da puta bandeira” nunha protesta laboral

Nunha sentenza publicada o xoves pasado (só en inglés), o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, con sede en Estrasburgo, condenou o Estado español por vulnerar o dereito de liberdade de expresión de Pablo Fragoso, un sindicalista da CIG que en 2014 participou nunha serie de protestas laborais diante do Arsenal de Ferrol pola falta de pagamento de salarios da empresa contratista do servizo de limpeza. O almirante xefe do Arsenal mostrou en varias ocasións aos sindicatos o malestar do estamento militar por estas protestas e chegou a pedirlles que rebaixasen o ton durante a cerimonia de izado da bandeira española.

Neste contexto de conflito laboral, o sindicalista emitiu as expresións “aquí tedes o silencio da puta bandeira” e “hai que plantarlle lume á puta bandeira”, segundo declarou probado o Xulgado do Penal núm. 1 de Ferrol. Estas frases deron lugar á súa condena en 2017 por un delito de aldraxes a España do artigo 543 do Código penal, sentenza que foi confirmada en 2018 pola Audiencia Provincial da Coruña e en 2020 polo Tribunal Constitucional español, aínda que con varios votos particulares.

No seu recurso ao TEDH, o recorrente alegou que aínda que a linguaxe usada fose dura, os tribunais internos deberían ter en conta o contexto no que se emitiron as expresións. Salientou que as súas declaracións se dirixían a un símbolo, non unha persoa, e non incitaron á violencia nin provocaron desordes públicas. O recorrente argumentou que a inxerencia non perseguía un «fin lexítimo» no sentido do artigo 10.2 da Convención. Por último, afirmou que as declaracións debían considerarse a expresión simbólica dun sentimento de decepción polo postura do estamento militar no conflito coa empresa contratista.

O TEDH acepta substancialmente estes razoamentos e rexeita os argumentos do Goberno español e do Tribunal Constitucional de que as expresións do sindicalista non tiñan ningunha relación coas protestas. Salienta que as autoridades militares pediron expresamente que «suavizase» a súa protesta durante a cerimonia solemne, de maneira que as frases contra a bandeira deben interpretarse en relación con esta actitude. Polo tanto, é razoábel pensar que as frases contra a bandeira non eran un mero insulto, senón unha crítica e unha expresión de protesta e descontentamento cara ao persoal militar e a empresa de limpeza.

A sentenza ten en conta que o recorrente era un representante sindical que fixo as declaracións durante unha protesta pola falta de pagamento de salarios, o que demostra un interese xeral para as persoas traballadoras que xustifica “un certo grao de esaxeración ou mesmo a provocación” nas expresións empregadas.

Finalmente, o TEDH observa que o demandante foi condenado a unha multa de 1.260 euros, que podería ser substituída pola privación de liberdade en caso de non ser paga, o que é manifestamente desproporcionado para o obxectivo perseguido, concluíndo que foi vulnerado o artigo 10 do CEDH e condenando o Reino de España a pagar ao recorrente a cantidade de 1.260 euros en concepto de dano pecuniario e outra de 6.000 euros en concepto de dano non pecuniario.

A CIG fai unha valoración moi positiva da sentenza, que cuestiona novamente a existencia de garantías para o exercicio do dereito á protesta democrática no Estado español, onde continúan a ser castigadas penalmente as persoas e organizacións que cuestionan a narrativa oficial sobre a unidade española e os seus símbolos herdados da ditadura franquista. Fronte a esta actitude represiva, o TEDH fai valer unha concepción vigorosa dos dereitos fundamentais e as liberdades públicas, primando o dereito á acción sindical sobre a sacralización anacrónica da simboloxía españolista.


Sindicalismo /