Redacción •  Galicia •  15/06/2023

Grupos en Loita denuncia que non se celebrase o festival Rock in Vigo prometido polo Concello

A plataforma de artistas musicais Grupos de Vigo en Loita denuncia que o Concello de Vigo incumpriu a súa promesa de organizar e celebrar o festival Rock in Vigo de bandas viguesas e galegas.

Grupos en Loita denuncia que non se celebrase o festival Rock in Vigo prometido polo Concello

Vigo, 15 de xuño de 2023. O alcalde Abel Caballero anunciou que este tería lugar na Porta do Sol os días 9, 10, 11 e 12 de xuño, coincidindo cos días previos ao concerto que Guns N’ Roses deu precisamente o luns 12 de xuño en Balaídos. Porén, o evento non se celebrou, sen que se dese ningunha información ao respecto e sen que se tivese contactado con ningunha banda viguesa ou galega para participar en dito festival.

Grupos de Vigo en Loita lembra que “nunha reunión entre a plataforma e a concelleira de Xuventude a principios de 2022, a única reunión con alguén do Concello que se nos concedeu a pesar das nosas reiteradas peticións, María del Carmen Lago Barreiro prometeunos que habería bandas locais na programación de concertos do Concello ese verán”. Porén, “esa promesa, como o resto dos compromisos que adquiriu ese día, non se cumpriu, polo que o seguimos reivindicando ininterrumpidamente ata o día de hoxe, razón pola que entendemos que Abel Caballero fixo no seu momento a promesa de facer o Rock in Vigo”, sinalan.

“Que o festival non se fixese, polo tanto, tampouco nos colle de sorpresa, xa que as promesas que Caballero lles fai aos grupos de Vigo, como cando estivo meses anunciando falsas datas de reapertura de Vigosónico, son sempre papel mollado”, afondan dende a plataforma. Polo tanto, anuncian que seguirán “esixindo ao Concello que celebre o evento tal e como o prometeu ante todas as viguesas e vigueses en Televigo”, xa que “só mantendo a loita e a protesta de xeito continuado é como se conseguen as cousas con este Goberno municipal, como xa demostramos co tema das salas de ensaio”.

Precedentes: Festival de Rock Concello de Vigo, Alternavigo

Dende o colectivo de artistas musicais de Vigo lembran que “a cantidade de grupos galegos locais, e particularmente se fan estilos como o rock, que ten participado en eventos musicais organizados polo Concello nos últimos anos é tremendamente escasa”. Ademais, apuntan a que hai “unha notable ausencia de festivais de rock en Vigo”. Despois de anos de críticas, o Concello impulsou de xeito efémero o Festival de Rock Concello de Vigo, que só se celebrou durante tres anos entre 2017 e 2019. Sobre esta iniciativa, Grupos de Vigo en Loita considera que “era moi cativa, cun só día de concertos no IFEVI cunhas poucas bandas estatais e na que ao longo da súa historia só tocaron 3 bandas de vigo ou galegas, nin unha máis”. Lembran ademais que “este festival palidecía totalmente en comparación a iniciativas previas no propio IFEVI, como o memorable festival Alternavigo, que no seu momento contara co apoio da Tenencia de Alcaldía do BNG no primeiro Goberno de Caballero en 2008 e 2009, pero que morreu por falla de apoio institucional”.

Falla de teloneiros locais nos concertos de Castrelos

No caso dos concertos de Castrelos, que rara vez levan teloneiros locais xa que, en palabras do alcalde, “yo salgo más barato”, os exemplos tamén son moi escasos, e os que hai adoitan ser de bandas viguesas xa moi consolidadas, como foi o caso de Aphonnic teloneando a Anthrax en 2016. Grupos de Vigo en Loita anuncia que levará a cabo accións nas próximas semanas para continuar a reivindicar a celebración do festival Rock in Vigo e en xeral a participación de bandas locais na programación musical do Concello.

Denuncia anunciada por Live Nation e Sweet Nocturna

“Mentres o Concello pretendía poñer 2 millóns de euros de diñeiro público no peto da promotora de Guns N’ Roses mediante un concurso feito a medida contra o que xa foron anunciadas diversas accións legais, para cumprir a súa promesa coas bandas de Vigo destinou 0 euros e 0 recursos”, critican dende Grupos de Vigo en Loita. “Finalmente, nin sequera iso lle saíu ben, xa que se tiveron que botar atrás neste concurso por un suposto erro burocrático, e agora, as propias promotoras do concerto convocaron rolda de prensa para anunciar accións legais contra o Concello”, lembran respecto do comunicado de prensa recentemente lanzado por Live Nation e Sweet Nocturna.

“Aínda que as promotoras decidiron seguir adiante co concerto, con Caballero desentendéndose despois de terse intentado apuntar o tanto do mesmo e non facendo ningunha declaración ao respecto en semanas, a actuación do Concello puxo en risco as entradas adquiridas por máis de 25.000 persoas co seu xeito de actuar”, sinalou a plataforma. “Nós xa estamos acostumados a que as promesas do Concello non sexan verdade, polo que xa sabíamos que o Rock in Vigo non se ía realizar ao non ter sabido de ninguén que fose contactado para tocar nel, pero celebramos que, polo menos, o concerto de Guns N’ Roses si que se levase a cabo”, engaden. Para concluír, Grupos de Vigo en Loita afeou de novo “a improvisación, os bandazos e a falta de compromiso no xeito de actuar do Goberno local”.


Vigo /