Redacción •  Galicia •  18/05/2023

Ana Pontón: “Galiza precisa máis BNG e menos PP nos concellos”

Augura que o Bloque será decisivo para mudar o rumbo en Vilagarcía, da man da candidatura con proxecto e ideas que lidera Xabier Rodríguez

Representamos a ilusión, solvencia e optimismo que se precisa para construír outra Galiza, concello a concello, destaca a portavoz nacional

Ana Pontón: “Galiza precisa máis BNG e menos PP nos concellos”

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no mitin de Vilagarcía apoiando ao candidato á Alcaldía Xabier Rodríguez nun acto que arrancou desexando “mil primaveras máis para o galego”, e proclamando que os concellos BNG serán axentes activos da normalización da lingua para facilitar que a quen así o decida poida desenvolver a súa vida en galego en todos os ámbitos.

De cara a cita coas urnas, Pontón puxo en valor o modelo municipal do BNG capaz de aportar as solucións máis vangardistas aos retos deste século XXI, retos como o da mobilidade, cambio climático, xestión de residuos ou a preservación do medio ambiente. “Un asunto importantísimo, como ben sabedes en Vilagarcía, cun ecosistema único que hai que preservar”, alegou.

“E tamén en Vilagarcía o Bloque quere poñer en macha este modelo municipal que é sinónimo de calidade, capaz de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, un modelo que fai que os concellos avancen e progresen, sexan grandes cidades ou vilas intermedias e pequenos municipios no rural”, explicou, porque alí onde o Bloque goberna transforma os concellos en referentes achegando dinamismo económico, social e cultural.

“E este modelo é o que queremos trasladar a todo o País, porque precisamos máis BNG e menos PP nos concellos para lograr que Galiza avance, porque o BNG representa o entusiasmo, a ilusión e o optimismo que Galiza e os galegos e galegas necesitan para construír unha nova Galiza, concello a concello”.

Co aval dos gobernos municipais de calidade, Pontón augurou un gran resultado en Vilagarcía: “Imos ser decisivos para poder cambiar o rumbo deste concello e poñer en marcha ese modelo municipal que mellora a vida da veciñanza, como demostramos alí onde lideramos os executivos locais”, destacou, e ese resultado histórico en Vilagarcía tamén será o resultado no conxunto do País.

“Seremos a forza política que máis medre, porque cada día que pasa, en cada acto, en cada mitin vexo máis forza, como medra a corrente de simpatía cara o BNG, como cada vez son máis os galegos e as galegas que miran para nós para poñer en marcha unha Galiza en grande, esa Galiza que aspiro a liderar como alternativa real ao PP”, destacou, ao tempo que ironizou co empeño de PP e PSOE en “facer pinza” contra o BNG.

Un concello que aporte solucións ás cuestións que lle preocupan á veciñanza: como a mobilidade entre o rural e o centro urbano, como o acceso a unha vivenda, sobre todo para a xente nova, “porque hoxe neste concello os alugueres están polas nubes e fora do alcance da maioría da mocidade”, argumentou.

Tamén se referiu a darlle a Vilagarcía un concello que coide e defenda aos seus sectores produtivos, como o a pesca e o marisqueo. Fundamentais, pero baixo a ameaza latente da mina de Touro, poñendo en risco centos de postos de traballo nunha das rías máis produtivas do mundo.

Un concello que defenda servizos públicos de calidade, en particular na atención primaria, o corazón da nosa sanidade pero que hoxe está colapsada. Ao que se suman os recortes tamén no hospital do Salnés.

“A todas estas cuestións quere dar solucións e alternativas o BNG, por iso sei que saídes coa máxima ambición, sen poñervos límites porque tamén en Vilagarcía o Bloque quere poñer en macha o modelo municipal do BNG que funciona, que é sinónimo de calidade, capaz de transformar en positivo e de mellorar a vida das persoas, un modelo que fai que os concellos avancen, progresen, sexan grandes cidades, vilas intermedias ou pequenos municipios no rural”

En definitiva, o BNG ten un modelo municipal capaz de coller un concello en decadencia e convertelo en referente, aportando dinamismo económico, social e cultural. “Remato xa para pedirvos que aproveitemos ao máximo esta campaña, porque imos a por todas, sen poñernos límites, saímos a ganar un futuro mellor para Galiza, para esa Galiza en grande que queremos empezar a construír concello a concello”, concluíu.


BNG /