Redacción •  Galicia •  24/05/2023

BNG reclama medidas para garantir a salubridade das augas no abastecemento do consumo humano e animal

Xosé Luís Rivas afirmou que as analíticas en depósitos e billas realízanse cada catro meses, seguimento, ao seu xuízo,  “insuficiente” para garantir a calidade das augas

BNG reclama medidas para garantir a salubridade das augas no abastecemento do consumo humano e animal

A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno, o  deputado do BNG, Xosé Luís Rivas demandou medidas para garantir a “salubridade” das augas para abastecemento do consumo humano e animal.

O parlamentario nacionalista afirmou que as analíticas en depósitos e billas “realízanse cada catro meses”, seguimento que ao seu xuízo, resulta “insuficiente” para garantir a calidade das augas.

Na súa intervención explicou que as estacións de bombeo e  potabilización por medio da cloración e o seu control por analíticas máis ou menos frecuentes é algo que nos últimos tempos se considera útil e necesario para preservar hixiene e a saúde da cidadanía e nas  zonas rurais coa presenza de explotacións de gandaría intensiva o consumo, tanto para alimentación coma para lavado de animais e instalacións é moi alto e  a lexislación actual esixe auga sanitaria, é dicir “cun control periódico da súa calidade e potabilidade”.          

Volvo ós recordos, dixo,  de cando as xentes das aldeas comezamos a cavilar que os pozos negros e os de purín, feitos sen cimentación e con paredes de buratos para que filtrasen a auga non podían ser boa cousa para os pozos e manantíos de consumo humano e animal. As necesidades foron en aumento e o volume esixido fixo que algúns concellos tivesen que botar man dos ríos por medio de estacións de bombeo pero os ríos e regatos reciben aportes de substancias e vertidos que merman a salubridade das súas augas e da flora e fauna propias dos seus ecosistemas.        

Por outra banda, asegurou que as traídas veciñais, moitas  delas “non fan analíticas periódicas”, e as municipais fanas con criterios que non son acordes cos tempos e coa realidade  descrita porque non se teñen  en conta os períodos do ano, “enchentes e secas, volume do caudal e as concentracións de substancias” así como as épocas de  maior actividade agrogandeira, carga gandeira, fertilizantes, fitosanitarios…

Xosé Luís Rivas preguntou á directora Xeral de saúde Pública, Carme Durán polos controis e analíticas para garantir a calidade das augas para consumo humano e animal ao que a directora xeral respondeu que o seguimento das augas municipais cumpren coa normativa vixente.

O nacionalista demandou do organismo que dirixe  Durán, corrixir todas as deficiencias que se puideran producir e medidas máis rigorosas de control, por parte do goberno sobre os controis periódicos das traídas particulares e veciñais.

Xosé Luís Rivas, (Mini) repreguntou  a Durán si existe algún protocolo específico ante unha situación recorrente nos últimos tempos. Sobre as analíticas tamén quixo saber  se resultan suficientes para máis de trescentos concellos galegos porque ao seu entender, as realmente serias son realizadas cada cinco anos e as outras cada tres meses e en  determinados períodos poden producirse niveles altos de nitratos e  fosfatos ou lifosatos que non se analizan pero están presentes nas augas e son “bioacumulativos”. Dende o BNG, dixo, non queremos alarmar pero si advertir dos problemas e buscar as solucións máis acaídas entre as que destacou “o saneamento”.

Rivas reiterou que os factores que poden prexudicar á calidade da auga existen e a obriga da administración é  adiantarse porque un río como o Tambre soporta “un basureiro na cima do seu nacemento” e o río recibe os lixiviados dese basureiro no regato das Pías que vai dar ao Mandeo.

O deputado do BNG insistiu en que o problema existe e hai que poñerlle coto e demandou “facer realidade” o Plan especial de control de augas  que debe ser posto en marcha en cada zona coas súas especificidades.

Xosé Luís Rivas recalcou que as actuais medidas de control “son insuficientes” e animou á Xunta  a “poñerse as pilas” para garantir a calidade da auga que consumimos  porque a  salubridade das nosas augas é “o noso futuro”, concluíu.


BNG /