Redacción •  Galicia •  25/06/2023

Seguimento do 70% na folga no comercio de alimentación da provincia de Pontevedra en demanda dun convenio digno

  • A CIG convocou a xornada para reclamar un maior incremento salarial, máis redución de xornada e distintas melloras laborais.
Seguimento do 70% na folga no comercio de alimentación da provincia de Pontevedra en demanda dun convenio digno

A CIG-Servizos cuantificou hoxe en arredor dun 70% o seguimento da xornada de folga convocada pola central sindical no sector do comercio de alimentación da provincia de Pontevedra para reclamar un convenio colectivo digno que contemple un maior incremento salarial, máis redución de xornada e distintas melloras laborais.

Dúas multitudinarias asembleas de traballadoras/es celebradas onte pola noite nos locais da CIG en Vigo e Pontevedra supuxeron o arranque dunha xornada de mobilizacións na que os piquetes informativos comezaron ben cedo a concentrarse ás portas da principais cadeas de distribución sen convenio propio, como o caso dos dous almacéns de Froiz en Pontevedra, que permaneceron sen actividade. De igual xeito que Froiz Mar, situado no Berbés, en Vigo, do que non saíu a tradicional sardiña destinada á venda durante as celebracións de San Xoán previstas para hoxe.

Posteriormente os piquetes concentráronse diante do Concello en Vigo e na praza da Peregrina de Pontevedra para organizar o traballo, percorrendo posteriormente numerosos supermercados de ambas localidades para constar que moitos deles non abriran as súas portas. Noutros casos as traballadoras/es abandonaban os seus postos e incorporábanse ás comitivas. O mesmo sucedeu noutras zonas como a comarca do Salnés, onde o impacto da folga tamén se deixou sentir con forza.

Dende a CIG-Servizos explican que a mediación celebrada o mércores rematou finalmente sen acordo porque a patronal achegou unha nova proposta insuficiente: unha suba salarial do 3% en 2023, e do 2% en cada un dos anos 2024, 2025 e 2026. Ademais, pretende que a cláusula de revisión salarial sexa topada ao 1%, sen carácter retroactivo e sen atrasos.

Pola súa banda, a central sindical demanda un convenio a tres anos que estableza para 2023 unha paga lineal de 76 euros por traballador/a e o incremento do 7% nos distintos pluses; e logo unha suba de soldos do 4% para cada un dos dous anos restantes. En caso de revisión salarial aplicaríase a diferencia, e a esa diferencia un 0,5%.

A redución de xornada é outra das cuestións nas que existen diferencias, xa que o empresariado ofrece unicamente traballar un sábado menos ao ano, mentres que a CIG reclama un fin de semana de calidade (librar sábado, domingo e luns) ao mes e pasar das 40 horas de traballo semanais a 39 en 2024 e a 38 en 2025.


movilización /