Redacción •  26/09/2021

Noa Presas: “Se ABANCA pecha sucursais, a Xunta non lle pode dar axudas para instalar caixeiros”

O PP vota en contra de reclamar que Abanca non peche oficinas
Os ‘populares’ consideran que a «solución» depende do Estado. O BNG carga contra a clausura de sucursais «con nocturnidade e aleivosía».

Noa Presas: “Se ABANCA pecha sucursais, a Xunta non lle pode dar axudas para instalar caixeiros”

BNG instou á Xunta a deixar sen efecto a convocatoria das axudas á banca para abrir caixeiros -na que Abanca obtivo a máxima puntuación, segundo avanzou o Goberno galego- e calquera medida que teña por obxecto inxectar recursos públicos a entidades bancarias para sufragar servizos que estas mesmas entidades están a pechar sen xustificación económica. De igual xeito, reclamou ao Executivo do PP en pleno parlamentario que, na vez de converter “o remedio en enfermidade”, negocie con todas as institucións, organizacións sociais e de consumidores e consumidoras para demandar da banca o mantemento de oficinas e emprego.

Así o expuxo a portavoz nacionalista de Facenda e Orzamentos, Noa Presas, quen cualificou de “auténtico escándalo” e unha “absoluta aberración” o financiamento con fondos públicos dun servizo privado que o sector bancario pecha exclusivamente para incrementar os seus beneficios. “Inxectar fondos públicos ás entidades que están pechando oficinas e caixeiros para que poñan caixeiros alí onde pechan. Non é que mexen por nós, é que vostedes lles pagan para que mexen por nós”, censurou logo de criticar o “efecto chamada” que provocou esta medida xa que, dende que se publicou a convocatoria, “aceleráronse os peches”.

Logo de alertar sobre a “brutal reconversión” na que se atopa inmerso o sector financeiro, con consecuencias gravemente negativas no ámbito laboral, social e económico, Presas advertiu que Galiza perdeu desde 2008 máis da metade das súas oficinas bancarias, pasando de máis de 2.500 a menos de 1.300 no comezo da pandemia. “E non é certo como di o PP que isto afecta só a catro oficinas no rural, senón que estamos ante un proceso moi profundo que afecta non só dun xeito xeneralizado ao rural, senón tamén ás cidades”, afeou, para a continuación reprobar o “rescate encuberto” que se está a acometer cun sector que “na anterior crise xa foi rescatada con máis de 65.000 millóns de euros, dos que apenas se van recuperar 15.000”.

Neste sentido, e sobre Abanca en concreto -entidade que vai resultar adxudicataria da convocatoria da Xunta-, recordou que esta fora rescatada no seu día con máis de 9.000 millóns e malvendida por 1.000. “E agora o señor Feixóo quere pagarlle por poñer caixeiros onde os está pechando para ter máis beneficios, vendendo aínda máis o noso país ao señor Escotet”, reprochou, en alusión á lei que facilita a universidade privada impulsada por esta entidade e ao “chiringuito” creado para xestionar os fondos europeos. “O podio das portas xiratorias -recalcou- porque xa non é que membros do goberno acaben en bancos e eléctricas, senón que fan que gobernen directamente por vostedes”.

A portavoz de Facenda e Orzamentos reclamou ao Goberno galego que apoie a demanda do BNG ante o Estado para garantir por lei a obrigatoriedade de que as entidades financeiras teñan unha rede de servizos mínima ao longo do territorio en función do seu volume de negocio, igual que acontece noutras actividades.

“Pedímoslles que fagan algo que non sexa seguir regalando este país a Escotet”, reprobou para concluír a continuación que, neste ámbito de actuación, só hai dúas alternativas: “unha, negociar e lexislar e, outra, ser parte do problema e poñerse do lado da banca regalándolle máis recursos públicos”. Pese aos argumentos da deputada nacionalista, a proposición non de lei nacionalista non prosperou polo veto do PP.

BNG reclama á Xunta no Parlamento que interveña para evitar o peche da oficina de Abanca en San Valentín, Fene

O BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que interveña para evitar o peche da oficina de Abanca en San Valentín, no concello de Fene, polo impacto que supón en termos de emprego e servizos á poboación, nun barrio cunha media de idade elevada. O deputado nacionalista Mon Fernández instou ao Goberno galego a emprender todas as accións precisas neste sentido diante da dirección da entidade e a exercer as súas competencias exclusivas en materia de consumo para garantir que Abanca preste servizos bancarios de calidade, co persoal, instalacións e horario preciso, e que non supoñan a vulneración dos dereitos da poboación, en especial da máis vulnerábel.

Segundo advertiu Fernández, a veciñanza “leva pelexando contra o peche da súa oficina dende hai varios anos” ante a paulatina redución de servizos e persoal por parte da entidade financeira que “estivo preparando o mellor momento para realizar o peche e que chega coa pandemia e coa onda da dixitalización”.

Neste sentido, recalcou o contexto de “auténtico clamor social” ante o peche de oficinas bancarias por todo o país e, nomeadamente, ante o papel que xoga Abanca no escenario financeiro galego, logo do proceso de fusión das caixas, primeiro, e a posterior venta da entón denominada Novagalicia ao Banesco de Juan Carlos Escotet nunha operación que definiu como “un dos grandes pelotazos da historia do país e do Estado español”. A isto sumou os 3.022 millóns de beneficio acumulado entre 2014 e 2020, incluíndo os créditos fiscais, dunha entidade que “mantén unha política de expansión a través da compra doutras entidades bancarias de pequeno tamaño, mentres adelgaza a estrutura galega de oficinas e persoal”.

O deputado nacionalista recordou que Abanca pechou entre 2015 e 2020 52 oficinas, o 9% da súa rede e no 2020, en plena pandemia, e ata marzo do presente exercicio outras 61 oficinas, outro 11,53% da súa rede. “E nestes últimos meses van outros 15 peches máis; é dicir, o ritmo aumentou desmesuradamente dende a pandemia e segue a manterse”, alertou, para censurar a continuación que “ninguén poñerá en dúbida que a redución de emprego no sector en xeral e en Abanca en particular non ten nada a ver coa crise, senón cun cambio de modelo na prestación de servizos cara á dixitalización que redunda nun grave retroceso na prestación dun servizo esencial para a cidadanía galega, sobre todo para aquelas persoas con dificultades para realizar os trámites a través de medios dixitais”.

Fernández denunciou que “instalar caixeiros non resolve o problema, nin moito menos” e, nesta liña, considerou “escandaloso” que o Goberno do PP subvencione a instalación de caixeiros coa escusa de facilitar o acceso aos servizos bancarios. Fronte á actitude do Executivo de Feixóo de “darlles cartos públicos aos poderosos, na vez de facelo a pemes e autónomos e autónomas”, instou á Xunta a facer “o que debería facer de oficio pero non fai”: defender o dereito das persoas usuarias a dispoñeren dun servizo de calidade, é dicir, presencial” e, en paralelo, ser proactivo fronte ao Goberno central para reclamarlle unha regulación do sector bancario que evite a concentración e centralización, atenda as necesidades de financiamento da economía produtiva e asegure o acceso da cidadanía a servizos financeiros básicos próximos.

En definitiva, “defender o dereito de Galiza como país e como sociedade a contar cun sector bancario que cree emprego e riqueza no país” e no que unha entidade como Abanca debera xogar un papel proactivo tanto na prestación de servizos esenciais, como no ámbito laboral. Pese aos argumentos do deputado nacionalista, a iniciativa non prosperou polo veto do PP.

 


Abanca /