Traballadoras da residencia de Sarria afectadas pola espionaxe estudan iniciar accións legais contra o ex concelleiro
- A CIG amosa o total e absoluto apoio a todos o niveis a estas traballadoras «e tal e como xa denunciamos en público no seu día, consideramos que a contratación dun detective para investigar e espiar as traballadoras».
Nestes días, as traballadoras da residencia Nosa Señora do Carme de Sarria recibiron copia dos expedientes relacionados coa investigación que no seu día o edil Benjamín Escontrela ordenou a un detective, durante os períodos de baixa laboral destas traballadoras. Entre o persoal afectado existe unha profunda indignación e malestar despois de comprobar como foron seguidas por un detective nos seus quefaceres ordinarios e en actividades absolutamente privadas e alleas á súa vida profesional.
As traballadoras considéranse vítimas dun seguimento e acoso por parte Escontrela, que non tiña fundamento de ningún tipo. Este seguimento, nalgún caso, mesmo se realizou até en dous períodos diferentes. Pero as traballadoras, ademais da espionaxe, foron obxecto tamén de continuas difamacións en perfís de redes sociais próximos ao entorno do ex concelleiro Escontrela.
Neste senso, o secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, critica que «transcorridos varios meses desde que se coñecera a espionaxe realizada e despois de que esta non dera ningún resultado, xa que as traballadoras non actuaron en ningún momento de forma fraudulenta nin ilícita, o Sr Escontrela non foi quen de desculparse nin publicamente nin en privado coas traballadoras, algo que as mesmas esixen».
As traballadoras afectadas estudarán agora, unha vez que lles trasladaron os expedientes, as acción legais que correspondan contra Benjamín Escontrela, ao entender que a súa intimidade foi violada, que o detective tivo acceso a documentos privados sobre elas, e que foron obxecto dunha campaña difamatoria que atentou contra a súa profesionalidade e honorabilidade
Apoio total da CIG ás traballadoras
A CIG amosa o total e absoluto apoio a todos o niveis a estas traballadoras «e tal e como xa denunciamos en público no seu día, consideramos que a contratación dun detective para investigar e espiar as traballadoras en situación de baixa foi unha decisión absolutamente mesquiña por parte de Escontrela, quen no período no que estivo á fronte da residencia non fixo mais que crear problemas laborais, enrarecendo o ambiente de traballo, algo que en absoluto beneficia á calidade so servizo».
No seu día, a CIG xa solicitara o cese de Escontrela como responsábel da residencia, feito que se produciu, «e a día de hoxe esiximos deste señor que publicamente se desculpe polos danos morais provocados ás traballadoras afectadas».