Redacción •  Galicia •  29/05/2023

Ana Pontón: “Confírmase o cambio de ciclo cun BNG á alza alternativa real ao PP”

“Imos traballar con humildade pero con toda a ambición para que despois de facer historia en Santiago fagamos historia en Galiza coa primeira presidenta do BNG”, proclamou.

Ana Pontón: “Confírmase o cambio de ciclo cun BNG á alza alternativa real ao PP”

A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou que os resultados do 28M “confirman o cambio de ciclo político que se abriu coas pasadas eleccións galegas, nas que a cidadanía lle deu ao BNG a responsabilidade de ser a alternativa real ao PP, e esta xornada electoral reforza a nosa posición”, subliñou a líder do Bloque.

“Quero dicirlle a todos os galegos e as galegas que asumimos esta responsabilidade con toda a humildade pero tamén con toda a ambición de País, porque creemos que Galiza precisa abrir un tempo novo e temos a responsabilidade de xerar esa ilusión e esa esperanza no noso País. Imos traballar sen descanso para que en Galiza en 2024 se abra un novo un ciclo e fagamos historia coa primeira presidenta do BNG para darlle futuro a este País”, proclamou.

Pontón destacou o importante incremento do BNG, “a forza política que máis sube, cun incremento do 30% na cifra de concelleiros e concelleiras, 135 máis en todo o País, o que nos sitúa como unha forza política en ascenso, liderando máis alcaldías”, indicou. Pontón destacou o resultado de Compostela, onde o Bloque, man a man coa veciñanza, “fixemos historia coa primera alcaldesa da capital de Galiza, con Goretti Sanmartín”, recalcou.

A líder do Bloque subliñou o ascenso nas grandes cidades, mesmo triplicando en algún caso, como Vigo, e duplicando en cidades como A Coruña ou Ourense. O aumento de concelleiros e concelleiras e de alcaldías permite extender o modelo de éxito do BNG por mais vilas e cidades de Galiza, un modelo que transforma en positivo, mellorando a vida das persoas.

Pontón agradeceu o apoio recibido por todos os galegos e as galegas na xornada electoral do 28 de maio e agradeceu tamén todo o traballo realizado pola militancia e polos candidatos e candidatas, “demostrando unha vez máis que o mellor que ten o BNG é a súa militancia”, concluíu.


BNG /