Cuarta xornada de folga no metal pontevedrés con seguimento practicamente total e protestas masivas
Milleiros de traballadores/as do sector manifestáronse en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía tras percorrer os principais polígonos industriais.
A cuarta xornada de folga para reclamar un convenio provincial digno no metal de Pontevedra rexistrou novamente un seguimento practicamente total, con milleiros de traballadores/as percorrendo dende primeira hora os principais polígonos industriais e visitando as empresas máis belixerantes co seu persoal. Posteriormente as rúas de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía acolleron marchas multitudinarias que transcorreron sen incidentes a pesar do forte dispositivo policial despregado unha vez máis por unha Delegación do Goberno español máis preocupada por defender os intereses da patronal que por garantir o dereito de folga e de manifestación.
A CIG celebrou esta nova demostración de forza dos traballadores/as do sector e instou o empresariado a reconsiderar a súa postura e a sentarse a negociar unha mellora efectiva das condicións laborais, “porque do contrario chegaremos até onde faga falta para garantir os nosos dereitos”. Neste senso, censurou os comunicados “fascistas” que está a facer públicos a patronal ASIME e quixo deixar claro que non desistirán á hora de reivindicar “as nosas lexítimas demandas”.
Entre elas, salientan o mantemento da cláusula de revisión salarial conforme ao IPC real para compensar a perda de poder adquisitivo dos últimos anos e a redución da xornada anual en 24 horas, así como garantir a subrogación do persoal entre empresas privadas. Tamén reclama unha suba salarial xusta, fronte ao 2% para 2023, do 3% para 2024 e do 3% para 2025 que ofrece a patronal, cunha cláusula de revisión salarial topada ao 1%, sen carácter retroactivo e sen atrasos. Pola súa banda, a parte social demanda un incremento do 4% para cada un dos anos.
As tres centrais sindicais que promoven as mobilizacións aproveitaron a xornada para anunciar dúas novas xornadas de folga, previstas para os vindeiros días 12 e 13 de xullo, que se veñen sumar ás convocadas xa para o xoves 6 e o venres 7. “Teñen que ter moi claro que non imos dar un paso atrás e que continuaremos coas mobilizacións até que se atenda o que reclamamos”, sinalan dende a CIG.
Despois das multitudinarias manifestación celebradas en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía, a actividade dos piquetes continuou nos principais polígonos e diante das empresas máis importantes, sobre todo naquelas máis belixerantes cos seus traballadores/as para evitar que secunden as folgas. Na maioría dos casos os piquetes puideron comprobar que as compañías se atopaban sen actividade, e noutros os empregados/as abandonaban o seu labor para unirse aos piquetes.