2002-2020 Nunca Máis Prestige. Testimonios para el recuerdo
- 18 años después de la catástrofe del Prestige en las costa gallega, Ecologistas en Acción recuerda lo sucedido y publica testimonios de testigos de la marea negra y también de la marea blanca de solidaridad.
- La organización ecologista, a través de su federación gallega, rememora aquellos días de chapapote y lágrimas, pero sin olvidarse de la oleada de solidaridad que conmovió a la sociedad.
![2002-2020 Nunca Máis Prestige. Testimonios para el recuerdo](https://www.tercerainformacion.es/wp-content/uploads/2020/11/unnamed-10-950x0-c-default.jpg)
A dor pola catástrofe conviviu coa alegría
pola magnitude dunha resposta social que non esperaba,
despois duns cuantos anos de activismo ecoloxista.
A día de hoxe, vexo o Prestige como unha oportunidade perdida
para cuestionar a nosa adicción ao petróleo.”
Xosé Veiras García
Un funesto 13 de novembro de 2002 produciuse o maior desastre ecolóxico da historia de Galicia. Unha terrible noite de temporal, o petroleiro monocasco Prestige sufriu unha vía de auga cando navegaba a 28 millas (52 km) do cabo Fisterra. As autoridades españolas comezaron un rocambolesco periplo remolcando o barco ata que se partiu en dous o día 19 de novembro. Como consecuencia diso, chegaron ás nosas costas varias decenas de miles de toneladas de fuel oil (chapapote), que logo se estenderon por toda a costa cantábrica e o sur de Francia, producindo unha das maiores mareas negras da historia. As ondas de fuel e morte bateron contra os cantís da Costa da Morte, contra as Illas Cíes e Ons, contra as enormes e solitarias praias desde A Lanzada ata Nemiña.
“A impotencia de saber que se podería evitar
e de que, 18 anos despois, podería volver pasar.
O gran erro é pensar que os ecosistemas se rexeneran.
Dáme noxo a ineptitude que moitos mostraron durante o desastre do Prestige
e mágoa de sabernos responsables de que o ecosistema da Costa da Morte non se recuperará.”
Montse Valencia León
Ante a incompetencia e a falta de medios de Xunta e Goberno, centos de mariñeiros lanzáronse a defender as rías, pescando coas súas redes e as súas propias mans o chapapote. A sociedade civil autoorganizada, as confrarías de pescadores, as mariscadoras, as asociacións, foron as que deron resposta á catástrofe #ante a incomparecencia das autoridades. Xerouse tamén unha onda de solidariedade en todo o Estado e en moitos países , acudindo miles de voluntarios/ as, unha marea branca fronte á marea negra, para limpar de chapapote as costas galegas, traballando durante varios meses. Foron días de bágoas e dor, de mentiras e rabia que espertaron no pobo galego unha onda de indignación que asolagou a praza do Obradoiro 6 veces na histórica manifestación do 1 de decembro de 2002.
“Impresionoume o cheiro a fuel en Aguiño,
a autoorganización do pobo cando fun de voluntario ao Grove,
a Praza do Obradoiro chea de 200.000 paraugas baixo a choiva.
A Marea negra se convertió nunha marea de dignidade.”
Xaquín Pastoriza Cerviño
200.000 paraugas que repetían como un eco a frase máxica «Nunca Máis». Orgullo e dignidade, vestidas de negro e azul, dun pobo que gritaba basta á burla negra de desastres ecolóxicos que periodicamente azoutaban as nosas costas. Polycommander, Urquiola, Andros Patria, Casón, Mar Exeo, a lista da infamia, nomes cravados na nosa memoria colectiva como o chapapote nas rocas. 8 dos 13 maiores accidentes con verteduras de petróleo nas últimas 6 décadas producíronse nas costas de Galicia. A mobilización da sociedade galega, articulada na ampla plataforma Nunca Máis chegou ata a Porta do Sol, cunha enorme marcha cara a Madrid para esixir xustiza, respecto e reparación.
Estabamos fartos de que nos tomasen o pelo cos » hilillos de plastilina» e as «praias espléndidas». O Goberno e a Xunta tentaban minimizar o alcance da traxedia para ocultar a súa pésima xestión. A realidade, que lles azoutaba na cara, era a absoluta carencia de recursos e medios, a súa total incompetencia para acometer a protección e limpeza das zonas contaminadas. Esa onda movilizadora que abarcou moito máis alá do movemento ecoloxista, asolagando centros de ensino, centros de traballo, cada porto e cada balcón producindo un auténtico sismo que espertou a nosa conciencia como pobo e devolveunos a dignidade.
“Lembro chegar a Oia coa marea branca, sen convocatoria.
O frío da madrugada, o cheiro a combustible, o silencio das persoas que se organizaban
e traballaban sen mando, sen palabras,
que ían ocupando directamente o seu posto,
como si estivera asignado de antemán.
Levantar a mirada cara ao mar e ver esa espesa alfombra de petróleo
que parecía irreal ou desexabas que o fose. Angustia.”
Ana Prado
18 anos despois os efectos da vertedura do Prestige aínda están presentes na Costa da Morte, podéndose observar aínda a primeira ollada. Aínda queda chapapote baixo a area. Atopámonos #ante outra proba máis de como, cando se produce un gran desastre ecolóxico, os seus efectos perduran durante anos ou mesmo décadas. Por iso, é necesario que se adopten por parte das autoridades todas as medidas necesarias para evitar que se volvan a producir este tipo de accidentes. Convén lembrar que o 70 % do transporte marítimo europeo pasa fronte a Galicia, uns 40.000 barcos ao ano, e aproximadamente un de cada tres (38 ao día) transporta mercadorías perigosas, ademais do seu combustible. Accidente do quimiquero Blue Star na Ría de Ares o ano pasado.
“Recordo coma se fose onte ver las gaivotas
on manchas de chapapote no río Miño en Ourense,
un pequeno sinal do desastre ao que as aves se enfrontaban na costa.
Nunca saberemos cantas morreron,
recordo que algúns apuntaban a que sería o fin das últimas parellas de arao,
e finalmente, seguramente foi así.
A dor, a día de hoxe, segue presente,
pois o dano ao medio ambiente segue aí.”
Alberto Rivero Saeta
Hai que reclamar tamén unha rápida e adecuada actuación, xusto o contrario do que se fixo co Prestige, para evitar que o accidente pase a converterse nunha catástrofe ambiental. É necesario mellorar a coordinación de medios operativos permanentes e unidades de vixilancia marítima, así como o aumento da cantidade e calidade das inspeccións dos buques que atracan no litoral de Galicia. Hai pequenos Prestige diarios, en forma de sentinazos. Temos tamén que romper con este modelo dependente do petróleo, cuxas desgraciadas consecuencias para o planeta coñecemos. Teñamos sempre presentes estas imaxes, fagamos memoria desta traxedia, pero tamén desta loita, para que un desastre así non volva repetirse «Nunca Máis».